Un novo informe do Consello de Europa alerta da redución do galego polo decreto de plurilingüísmo e a súa desprotección nos territorios de fala galega de Asturias e Castela León. Recomenda ao Estado a promoción das diferentes realidades lingüísticas.
“Na súa teima contra o galego o PP provoca vergoña allea en Europa”, sinalou o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira,unha vez coñecido o informe do Comité consultivo do Convenio Marco para a protección das minorías nacionais que cuestiona o trato do Estado español sobre a pluralidade lingüística.O Comité consultivo do Consello de Europa insiste na necesidade de que o Estado se axuste ao convenio e se implique na promoción e protección das linguas propias como o galego, máis alá do que se recolle na lexislación autonómica.
En concreto, o Comité alerta do retroceso para o galego que supuxo a aplicación do chamado decreto de plurilingüísmo que supuxo a redución desde a metade a un terzo como máximo nas etapas obrigatorias. Ademais, chama a atención face a desprotección da lingua en zonas de fala galega pertencentes a Asturias e Castela-León, situación agravada pola aprobación da LOMCE. Reclama, polo tanto, ao Estado, que amplíe a aplicación do Convenio consonte á realidade plurilingüe, activando medidas de promoción e canles de diálogo coas entidades que, como a Mesa pola Normalización Lingüística, pulan pola normalización das linguas. O Consello de Europa indica tamén a conveniencia de crear algún organismo público para garantir a comunicación con estas entidades a prol das linguas do Estado.
"Vergoña allea"
“Que varios organismos internacionais mostrasen preocupación sobre a situación da lingua galega e as consecuencias a actitude do goberno galega e español, debería facer ruborizar o presidente da Xunta, porén, lamentabelmente é ao revés, e é fóra da Xunta e do Goberno español onde ruborizan de vergoña allea ao ver o desprezo que mostran pola nosa lingua e a pluralidade lingüística do Estado”, sinala o presidente da Mesa que en xullo de 2014 se entrevistou con representantes do comité para lles expor as consecuencias do decreto e a desaparición do galego na educación infantil das cidades, ademais das consecuencias a aprobación da LOMCE. Ademais de ao Consello de Europa, a Mesa dirixiuse a outros organismo internacionais como a UNESCO e o Consello de Dereitos Humanos da ONU coa vontade de dar a coñecer tanto a situación pola que atravesa a lingua como as mobilizacións sociais que reclaman o uso normal do galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario