venres, 26 de xuño de 2015

Os participantes en XuvenCiencia mergúllanse nos segredos do emprendemento da man da Fundación CEL

Os escolares que están a participar estes días en XuvenCiencia, o campus de verán que se desenvolve en Lugo da man da Universidade de Santiago, achegáronse a semana pasada á realidade da actividade emprendedora e innovadora que se desenvolve na Fundación CEL Iniciativas por Lugo, Centro de Iniciativas Empresariais local no que tiveron oportunidade de coñecer, de primeira man, como se converte unha idea ou proxecto nunha realidade empresarial. Amais, os escolares puideron ver como desenvolven o seu día a día os emprendedores adheridos á Fundación, máis polo miúdo ao seu viveiro de empresas. Igualmente, deron conta dos servizos que achega esta entidade para apoiar aos novos empresarios galegos e a súa actividade de mercado.
Amais de realizar un percorrido polas instalacións, os alumnos do campus de verán mantiveron un encontro co coordinador da Fundación CEL, Rodolfo Ojea, e os responsábeis directivos de diferentes iniciativas que se están a desenvolver no acubillo empresarial, como por exemplo Miramar Cruises (axencia de viaxes en liña especializada en cruceiros, da que falamos recentemente en Código Cero para informar das súas importantes cifras de facturación en 2014), Nudoss (rede social especializada en cruceiros), Don´t Be a Foreigner (axencia de servizos a estranxeiros en España) e Galaicus Gourmet (tenda en liña de produtos delicatesen con orixe en Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario