martes, 30 de xuño de 2015

A metade da mocidade galega que vive cos pais carece de ingresos

Unha realidade traducida en números. A cada vez máis escasa mocidade galega ten serios problemas para emanciparse e abordar o seu desenvolvemento familiar fóra do fogar familiar. Este fenómeno agudizouse co estourido da crise económica que, ademais, empeorou notablemente a capacidade económica destas mozas e mozos que aínda viven cos pais, o que implica, a priori, maiores dificultades para daren o paso de viviren independentemente nun futuro. Así, os datos máis recentes indican que case a metade da mocidade do país que aínda habita cos seus pais non ten ningún ingreso propio, o que supón un incremento de case vinte puntos con relación ao ano 2008.
O Instituto Galego de Estatística vén de facer públicos os datos máis recentes da súa enquisa estrutural aos fogares, correspondentes ao ano 2013. Este estudo indica que o 47% das 312.000 persoas de entre 18 e 34 anos que viven cos seus pais non ten ingreso ningún. En 2008, ano sinalado como o do inicio da actual crise, era o 28% da mocidade que vivía cos pais a que declaraba non ter ningún ingreso. Esta carencia de ingresos é aínda máis acusada nas persoas máis novas: entre a poboación de 18 a 24 anos que non marchou da casa familiar quen non teñen ningún ingreso son o 63% do total.
Só 1 de cada 5 persoas de entre 18 e 24 anos que vive cos pais ten algún ingreso procedente do traballo
Estes datos van acompañados dunha moi notable caída das persoas mozas que non puideron emanciparse pero si perciben algún tipo de ingresos procedentes do traballo. No ano 2007 era case o 60% da mocidade galega que vivía cos pais a que se atopaba nesta situación e, no caso das persoas de entre 25 e 34 anos, case tres de cada catro tiñan algún tipo de percepción económica que chegaba do mundo laboral. O panorama mudou radicalmente coa crise e agora só o 38% destas mozas e mozos teñen algún ingreso do traballo. Se a poboación observada é a de entre 18 e 24 anos, só o 18% ten algunha remuneración salarial, unha caída de vinte e catro puntos a respecto do inicio da crise.
Neste contexto, e mentres o peso dos ingresos por subsidios ou prestacións se duplica entre a xente moza, unha foto en perspectiva permite concluír que a mocidade galega emancipada era en 2013, despois de media década de crise, unha minoría cada vez máis minoritaria. Así, se en 2007 ou 2008 a xente nova que vivía cos pais era o 59% do total, en 2013 chegaba ao 62%. Nesta liña, o 47% das persoas de entre 25 e 34 anos aínda non se emanciparan -en 2007 era o 45%- e nove de cada dez mozas e mozos de entre 18 e 24 anos seguían habitando cos seus pais, o que supón un incremento de catro puntos a respecto de 2007.
Nos últimos anos o Goberno central recortou axudas e beneficios fiscais á mocidade para o alugueiro de vivenda
Isto sucede nun contexto no que algunhas medidas gobernamentais supuxeron novos atrancos para a emancipación xuvenil. Así, por exemplo, unha das primeiras decisións de recorte do Goberno de Mariano Rajoy, a finais de 2011, implicou a supresión da Renda Básica de Emancipación, a axuda de 210 euros que, xestionada polas comunidades autónomas, estaba encamiñada a subsidiar parte dos gastos de alugueiro de vivenda para a mocidade de entre 22 e 30 anos. Do mesmo xeito, na súa reforma fiscal o Ministerio de Facenda eliminou a dedución por alugueiro de vivenda no IRPF para todos os contratos asinados dende o 1 de xaneiro de 2015.

Mocidade galega que vive cos pais

CC BY-SA Praza Pública

Ningún comentario:

Publicar un comentario