venres, 26 de xuño de 2015

Mulleres e empregados do sector servizos: Os traballadores que máis sufriron a crise

A crise levou por diante decenas de miles de postos de traballo en Galicia, obrigou a milleiros de mozos e mozas a marchar do país na procura de mellores opcións e incrementou os niveis de pobreza e desigualdade na sociedade. Pero mesmo entre aqueles e aquelas que si conservaron os seus empregos o impacto dos axustes levados a cabo pola administración pública e as empresas privadas foi grande, con importantes recortes salariais que, como resultado, deixan un panorama de estancamento nas retribucións. Se a media do salario bruto en Galicia era de 19.807 euros anuais en 2009, catro anos máis tarde situábase nos 19.825 euros, segundo os datos achegados polo INE.
A crecente precarización fixo emerxer unha figura que ata hai uns anos era máis residual: a do traballador ou traballadora pobre, cun emprego, cun salario, pero con ingresos insuficientes para subsistir
Porén, coma noutros aspectos, a crise non afectou a todos os traballadores e traballadoras por igual. As mulleres viron máis recortados os seus soldos, e tamén sufriron máis os empregados e empregadas do sector servizos. Ademais, a crecente precarización fixo emerxer unha figura que ata hai uns anos era máis residual: a do traballador ou traballadora pobre, cun emprego, cun salario, pero con ingresos insuficientes para subsistir. En 2013 70 mil traballadores e traballadoras en Galicia percibían ingresos por baixo do limiar da pobreza, isto é, 410 euros mensuais en doce pagas. É máis, o 20% dos asalariados e asalariadas galegas (153 mil persoas) cobraba menos de 700 euros mensuais (en 14 pagas).
Dende o 2009 os salarios descenderon especialmente no sector servizos, onde pasaron dos 19.678 euros anuais ata os 18.922 de 2013. Pola contra, na industria si houbo un incremento sostido, dende os 20.649 euros de 2009 ata os 23.254 de 2013; e o mesmo sucedeu -en menor medida- na construción, pasando dos 19.119 aos 19.936 euros.
Ademais, mentres os salarios dos homes experimentaron un -mínimo- crecemento, dende os 21.829 euros (2009) ata os 22.522 (2013), os das mulleres reducíronse, pasando dos 17.342 aos 17.258 euros.
Dende o 2009 os salarios descenderon especialmente no sector servizos, onde pasaron dos 19.678 euros anuais de media en 2009, ata os 18.922 de 2013
Contrariamente ao que sería esperable, non foron os traballadores e traballadoras con contratos temporais os que viron máis afectados os seus salarios. De feito, mentres os ingresos medios dos empregados indefinidos descenderon en Galicia dos 21.329 aos 21.010 euros, os daqueles e aquelas con contratos de duración definida creceron un pouco, de 14.485 a 15.114. Son as mulleres con contratos máis estables as que provocan esta tendencia, pois os seus salarios víronse reducidos ao longo da crise, pasando dos 18.508 euros de 2009 ata os 18.086 de 2013. Esta tendencia non se reproduce no conxunto de España, onde os soldos das mulleres con contrato indefinido si creceron nestes catro anos (aínda que moi pouco). En Galicia, os salarios dos homes, indefinidos ou temporais, si aumentaron de forma cativa.
As mulleres con contratos indefinidos viron reducidos os seus salarios ao longo da crise, pasando dos 18.508 euros de 2009 ata os 18.086 de 2013
Os salarios medios descenderon dende o 2009 en todas as franxas de idade, especialmente entre os menores de 25 anos. O dato de 2013, con todo, é lixeiramente superior ao de catro anos antes polo crecente envellecemento da poboación. Os traballadores e traballadoras galegas entre 25 e 34 anos son esencialmente mileuristas, con ingresos medios anuais de que superan por pouco os 16 mil euros que, divididos en 14 pagas, se sitúan pouco por riba deses mil euros mensuais. Os salarios da mocidade en Galicia resisten a crise algo mellor que os do resto do Estado, onde entre 2009 e 2013 os ingresos medios das persoas entre 25 e 34 descenderon dende os 19.476 euros ata os 17.973.
Son as mulleres as que máis sofren o estancamento ou recorte salarial, sobre todo a partir dos 45 anos de idade. As traballadoras entre 45 e 54 anos ven reducidos os seus ingresos dende os 19.897 euros de 2009 ata os 19.013 de 2013; e entre os 55 e 65 anos o descenso é aínda máis acusado: dos 21.550 euros ata os 19.717.
  2008 2009 2010 2011 2012 2013
Menos de 25 11.706 11.563 12.865 11.296 10.048 9.146
25-34 16.169 16.585 17.549 17.036 16.303 16.277
35-44 19.555 20.102 20.942 20.443 19.757 19.826
45-54 22.490 22.517 22.446 22.231 21.638 21.843
Máis de 55 22.734 23.261 23.536 23.937 22.095 22.896
Media 19.156 19.807 20.242 19.970 19.389 19.825
Ingreso medio anual pola idade do traballador en Galicia. Fonte: INE

Ingresos anuais medios por grupo de idade en Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario