Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza
CARTA ÁS NAIS E PAIS DO ALUMNADO
O sistema educativo público está sufrindo unha agresión sen precedentes.A escola pública que temos non é perfecta, ten moitas eivas que mellorar.
Necesitamos elevar a calidade da formación das nosas fillas e fillos, para que sexan
persoas cunha formación académica sólida; pero tamén deben ser persoas críticas,
con capacidade para analizar a realidade e traballar por unha sociedade cada vez
máis libre.
Por desgraza, os pasos que se están a dar desde o actual goberno van na
dirección contraria á que necesita o noso sistema educativo. A actual contrarreforma
educativa, a chamada Lei Wert, busca impedir unha educación de calidade, a única
que pode educar compensando desigualdades sociais.
A saída á crise que se está deseñando no noso país pasa por dispoñer de
grandes masas de man de obra barata e submisa, de persoas ignorantes dos seus
dereitos sociais e laborais, de persoas que estean dispostas a traballar todo o que
faga falla polos menores cartos posíbeis; e para conseguir isto, a nova lei de
educación (a Lomce) deseña un sistema clasista, que introduce atrancos para a
práctica educativa do alumnado (reválidas), que permite que o alumnado que
supere determinados cursos poda quedar sen titulación por non superar a reválida
correspondente, que permite que con 14 anos se poda abandonar o ensino
obrigatorio sen cumprir os obxectivos educativos mínimos, que os centros recibirán
máis ou menos recursos en función dos rendementos do alumnado e non das
necesidades deste, que reducirá os recursos para os centros públicos favorecendo os
centros privados, que potenciará as materias que se avalían en PISA eliminando
aquelas que serven para analizar con espírito crítico a realidade complexa e plural
da nosa sociedade, que promove a escolla da relixión na escola habendo materias
que desaparecerán ou perderán carga horaria, que vai reducir profesorado, a
concesión de bolsas de estudo, a gratuidade dos libros de texto, os comedores
escolares… desviando aínda máis fondos para os centros privados, que permite
que se financien con diñeiro público aqueles centros que segregan alumnado por
razón de sexo.
En definitiva, provocará que a escola, que vén sendo a garantía dunha
formación universal e de calidade que asegura a igualdade de oportunidades, poida
contribuír no futuro a remarcar as diferenzas sociais e económicas.
A dignidade do futuro das nosas fillas e fillos está a decidirse nestes
momentos. A responsabilidade que, como nais e país, temos é enorme, e a lei Wert
elimina a nosa capacidade de decisión nos Consellos Escolares. Debemos evitar que a
mocidade teña peores condicións de vida das que nós gozamos á súa idade.
É necesario que as nais e pais nos impliquemos na comunidade educativa,
que axudemos a mellorar as condicións dos centros educativos nos que estudan as
nosas fillas e fillos. Debemos traballar dentro das ANPAS, elixindo a representación
no consello escolar, apoiando ás persoas que estean máis implicadas na defensa
dunha escola pública, laica e de calidade.
Desde o noso sindicato, tamén formado por nais e pais, queremos facerche
chegar a urxencia da actual situación: A escola pública está en perigo, o futuro da
formación das túas fillas e fillos depende de ti.
Grazas pola túa atención.
Ningún comentario:
Publicar un comentario