luns, 29 de xuño de 2015

Wert, non te vas. Botámoste!!

Tras varios anos de loita sen cuartel contra as políticas do impresentable Ministro Wert, hoxe chéganos a noticia de que os seus días á fronte do Ministerio de Educación chegan á súa fin. Non se trata, como queren facernos crer, dun cesamento nin dun cambio inocuo. Nestes anos de intensa mobilización desenmascaramos a verdadeira preocupación do ministro: intentar destruír a educación pública fose como fose, para abrir as portas de par en par aos que pretenden facer da educación un suculento negocio para uns poucos en lugar dun dereito para todos.
Nunca antes un Ministro de Educación lograra conquistar a este nivel o odio de tantos millóns de estudantes, pais e profesores. Centos de miles que saímos de xeito constante á mobilización en defensa da nosa educación, a educación pública. Iso é o que explica que agora o PP cando se ve ante as peores perspectivas electorais da súa historia teña que desfacerse a toda présa de quen mes tras mes, durante case catro anos, foi valorado como o peor ministro dende a caída da ditadura.
A contrarreforma franquista da educación - LOMCE-, o despedimento de 32.000 profesores da educación pública, o recorte nas bolsas, a salvaxe suba das taxas universitarias ou a imposición do 3 +2 foron algunhas das medidas estrela do Ministro Wert. Todas estas medidas perseguían un único obxectivo: reducir o investimento na educación pública para poder utilizar unha parte significativa dos presupostos educativos en salvar bancos ou facilitar as amnistías fiscais aos grandes defraudadores.
Todas as contrarreformas educativas impulsadas polo Partido Popular teñen un nexo común, poñen os medios necesarios para expulsar os que provimos de familias humildes e traballadoras do sistema educativo o antes posible. Deste xeito tratan de xustificar e continuar cos recortes, á vez que se limita a cualificación académica que podemos obter.
Así nos quere o PP: sen formación e desarmados para que o día de mañá teñamos que aceptar calquera condición no mercado laboral. Para que aceptemos sen oposición o abaratamento do despedimento e a precarización das condicións de traballo. Queren que á universidade só poidan acceder as elites, os fillos dos ricos, igual que acontecía nos anos da ditadura. Queren para os seus fillos os bos postos de traballo e os bos salarios. Para nós, a inmensa maioría, preparan a precariedade, para que así uns cantos poidan seguir facéndose ricos a custa da nosa explotación.
Todos os ataques do Ministro Wert danaron seriamente a educación pública: recortes nos nosos centros de estudo, falta de recursos, profesores despedidos, centos de miles de nenos sen bolsas de libros e comedor ou estudantes universitarios expulsados da universidade por non ter diñeiro: ese é o saldo que nos deixa este Ministro. E ese é o motivo tamén de que se convertese no ministro peor valorado da Historia. Atacar con tanta virulencia a educación pública, unha das conquistas máis sentidas entre os traballadores, non podía lograr outro resultado que o de granxearlle o odio xeneralizado de todos os que sufrimos as consecuencias das súas políticas.
A resposta da xuventude nas mobilizacións en defensa da educación pública e contra as políticas de Wert foi tremenda: 20 xornadas de folga convocadas polo Sindicato de Estudantes dende que Wert se puxo á fronte do Ministerio lograron convertelo nun auténtico cadáver político. Por iso agora que o PP se ve en apertos, cuns resultados electorais nas municipais e autonómicas que anticipan a súa saída inminente do goberno nas próximas eleccións, tratan de dar un novo rostro ao executivo, e para facelo non lles queda máis remedio que soltar lastre botando un dos ministros que peor fama fixo gañar a este goberno. Por iso dicimos que a Wert botámolo nós! Os estudantes, os profesores e pais que saímos á rúa a pelexar de forma incansable! Unha vez máis demóstrase como loitar si que serve, que si se pode e que a loita é o único camiño para conseguir as nosas demandas. O Partido Popular é moi consciente do impacto que a loita educativa tivo durante todo este tempo na conciencia de millóns de persoas, por iso non lle queda máis remedio que dunha patada quitarse de diante o antes posible a José Ignacio Wert.
Dende o Sindicato de Estudantes felicitamos todos os pais, profesores e estudantes que participaron das mobilizacións da Marea Verde porque ese é o único motivo real que explica que por fin nos librásemos deste ministro franquista. Pero a loita non remata aquí. Igual que botamos a Wert, imos lograr botar atrás a LOMCE, unha lei que naceu morta e que tampouco poderá rematar de implantarse grazas ás mesmas mobilizacións. Non queremos a outra cara á fronte do Ministerio para que aplique as mesmas políticas e defenda os mesmos intereses. Imos continuar a loita ata que nos libremos non só deste ministro infame senón deste goberno de pesadelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario