xoves, 18 de xuño de 2015

O gasto público en educación en España cae a niveis de 2006

O gasto público en educación leva catro anos de descenso continuado en España. Os últimos datos do Ministerio de Educación, correspondentes a 2013, indican que as distintas Administracións destinaron 45.245,2 millóns de euros, un 4,31% do Produto Interior Bruto (PIB) que o sitúa a niveis de 2006, coa mesma porcentaxe de riqueza e 42.480 millóns de investimento.
España comezou a recortar en educación en 2010 por primeira vez en 30 anos. Nos últimos catro anos analizados perdéronse 7.764 millóns para profesores, aulas, apoios ou bolsas. Entre 2012 e 2013, o descenso é de 1.231 millóns menos (-2,6%), segundo os datos que reflicte a Estatística do Gasto público en educación, que o ministerio acaba de publicar e cuxas cifras son aínda provisionais.
A porcentaxe da riqueza española destinada á educación, ese 4,31% do PIB, descende e afástase unhas décimas máis tanto da media europea -un 5,25% segundo datos de Eurostat correspondentes a 2011- coma da dos países da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económicos (OCDE), cun 5,6% tamén correspondente a 2011.

Diferenzas rexionais

a educación infantil e primaria correspóndelle máis dun terzo do gasto total (34,9%), seguidas da Secundaria e FP (28,9%) e da etapa universitaria (20,7%). A partida de bolsas representa o 3,6% do total. Todas elas caeron no último ano analizado. Sobre todo a formación ocupacional, cun 30,4% menos e a correspondente ás axudas de estudo, que se reduce un 9,9%.
O ministerio sinala no avance dos datos que os programas estatais de bolsas que supedita ao "cumprimento de requisitos socioeconómicos e/ou académicos" para estudantes universitarios e non universitarios subiron respecto a 2012 un 2,6% ao pasar de 1.171 a 1.202 millóns, co que o recorte debe provir das partidas rexionais.
O 84% do gasto total en educación corresponde ás comunidades autónomas. Sete reduciron o seu investimento en 2013: Castela - A Manchja, cun 6,2% menos; País Vasco (4,2%); Cataluña (-3,2%); Castela e León (2,8%); Andalucía (2,2); Cantabria (0,6%) e Galicia (0,5). En Extremadura subiu un 3,7% e en La Rioja o 1,6% mentres se mantivo en Aragón, Madrid e Murcia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario