venres, 12 de xuño de 2015

Convocan concentracións para esixir a gratuidade dos libros de texto

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca concentracións para o vindeiro 15 de xuño para esixir a gratuidade universal dos libros de texto. 

A gratuidade universal dos libros de texto e do material escolar é o obxectivo da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que convoca concentracións o vindeiro día 15. Esixen así a derrogación das ordes polas que se regulan o fondo solidario e a as axudas para a adquisición de libros de texto porque, segundo sinalan, “contribúen a empeorar a actual situación e impiden a gratuidade universal dos libros de texto e do material escolar”. Piden por iso dotación de persoal administrativo nos centros e, mentres non exista, que sexa a Consellaría quen xestione todo o ámbito relacionado cos libros de texto.
A norma, segundo a Plataforma, non só suporá prexuízos para o alumnado e as familias senón unha sobrecarga de traballo administrativos para os centros de ensino. Indican que, coa LOMCE na corda frouxa, o razoábel sería “non cambiar os libros de texto para evitar someter as familias a un gasto innecesario e inxustificado”. Esixen, desta maneira, a gratuidade universal dos libros de texto e do material escolar para o conxunto do alumnado de infantil e ensino obrigatorio, por medio do sistema de préstamo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario