xoves, 25 de xuño de 2015

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acorda novas propostas para dinamizar a lingua galega no ensino superior

A orde do día centrouse na proposta de creación de itinerarios lingüísticos nas titulacións de grao no sistema universitario galego. Trátase de que no marco dun programa de multilingüismo docente a implantar nas titulacións que así o decidan, e ao que poderá optar o alumnado que quixer, as universidades ofrezan diferentes itinerarios lingüísticos planificados nas súas titulacións e a posibilidade de acreditar a competencia lingüística nos idiomas vehiculares da docencia e linguaxes de especialidade.
En todos os casos, os novos itinerarios lingüísticos contemplarán como opción a impartición da titulación en lingua galega, ao pé do castelán e doutras linguas estranxeiras (con especial atención ao portugués, no marco de aplicación da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía). Deste xeito, o alumnado terá opción de cursar a súa titulación en galego, o que suporá un grande avance na dinamización do idioma propio no ensino superior de Galicia.
Avanzar conxuntamente en prol do idioma
A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística intégrana a Xunta de Galicia e mais as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña. Foi creada en 2009 para darlle cumprimento á medida dirixida á área do ensino que no marco do Plan xeral de normalización da lingua galega (2004) propoñía a creación dunha "comisión estable" que asumise a planificación e a coordinación da política lingüística universitaria en Galicia, prevendo a participación nela das tres universidades galegas e mais da Administración autonómica.
Así, a devandita comisión ten como principal cometido definir as liñas políticas de actuación na comunidade universitaria galega en materia de política lingüística, para o que se acordan pautas de actuación conxuntas en prol da dinamización lingüística e do fomento uso do galego no ámbito universitario.
Información tirada do web da SXPL.

Ningún comentario:

Publicar un comentario