luns, 15 de xuño de 2015

Saír da crise por unha porta digna, ecolóxica e feminista

Os días 20 e 21 de xuño desenvolverase na Casa Pousadoira, en Miño, o I Encontro de Mulleres en Transición. Unha ollada de xénero sobre a crise civilizatoria. 

A filósofa arxentina Isabel Rauber definiu a actual crise do capitalismo como unha "crise civilizatoria" que abrangue todos os planos, o económico, o social e tamén o político. Neste senso, Rauber defende unha mudanza que camiñe cara á unha nova civilización. Cara á outra forma de entender todos os aspectos que abrangue a vida.
Desde esta premisa parte, tamén, o I Encontro de Mulleres en Transición que terá lugar en Miño os días 20 e 21 de xuño na Casa Pousadoira. Unha iniciativa que xorde arredor do ecofeminismo e visa introducir "unha visión de xénero" "na análise da crise, da xestión que se está a facer dela e do que se nos vén enriba", explica Begoña de Bernardo, unha das organizadoras.
"As mulleres temos moito que dicir"
A idea xurdíu, conta, "após a publicación da Guía sobre o descenso enerxético editada pola Asociación Véspera de Nada", da que é integrante. "Levabamos varias persoas, entre elas eu, polo menos un ano remoendo na idea de que había que organizar algo" arredor do que se amosa como "o fin dunha era" e, nese senso, "as mulleres temos moito que dicir".
E é que elas están a recibir "un dobre impacto" como traballadoras e mulleres na situación actual. A precariedade e o desemprego atínxenas especialmente e, aliás, acrecenta Begoña, "os recortes nos servizos sociais reverten directamente nos fogares" cuxos traballos, sinala, "recaen principalmente nas mulleres". A "crise de coidados". Eis outra faciana da crise civilizatoria.
O "bon vivir galego"
O programa para este primeiro encontro xirará pois arredor de diversos eixos. "Teremos unha palestra sobre a vivencia das mulleres no medio rural" que correrá a conta da europarlamentar de AGEe, Lidia Senra,. "O rural ten moitas potencialidades", sinala Begoña, "cremos que se pode producir unha re-ruralización" e mesmo, subliña, "que é preciso" que aconteza. Que oportunidades brinda e como aproveitalas será unha das cuestións a tratar.
Nese senso, debruzaranse sobre o "bon vivir galego" da man de dúas experiencias concretas, a da labrega María Fra e o proxecto Druantia, con Charo Lopes.
Coidados, afectos e sexualidade
Asemade, focarán a atención no terreo das maternidades e da reivindicación do "dereito a ser nais" sen que isto supoña "un obstáculo" para a independencia das mulleres. "Hai cuestións que só nós podemos facer como preñar, parir ou aleitar" mais outros coidados "están a recaer tamén nas mulleres" quer no seo do propio fogar, quer os que foron "transferidos a outras mulleres" fóra deste, nomeadamente nas migrantes.
A sexualidade e os afectos tamén terán espazo nunha dupla xornada que combinará reflexión e lecer.
O encontro rematará coa posta en común das participantes das reflexións tiradas ao longo da xornada. "Queremos que todas as asistentes acheguen as súas reflexións, para contribuírmos ao debate social sobre o que está a acontecer e imaxinarmos o futuro".
A "perspectiva de xénero", salienta Begoña de Bernardo, "é imprescindíbel para a análise" da realidade mais tamén para "recuperar unha vida digna", sentencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario