Entre finais de xuño e a primeira quincena de xullo está previsto
que se constitúan os plenos e os gobernos das catro deputacións galegas,
polo que desde a CTNL se puxeron en contacto con todas as organizacións
políticas con representacións nelas co fin de lles facer unha proposta
para implicar esas institucións no fomento activo do galego, para que
este se teña en conta á hora de formar os gobernos e se planifiquen as
liñas de acción para a lexislatura ou se chegue a acordos con outras
organizacións con vistas a acordar esas liñas de acción, de xeito que os
entes provinciais desenvolvan un necesario papel activo no proceso de
normalización da lingua galega.
O punto de partida desta
proposta é que as deputacións, que deben ter como finalidade principal a
de colaborar e cooperar na xestión da actividade municipal, deben
asumir tamén as súas responsabilidades e obrigas no ámbito da
normalización lingüística, impulsando, colaborando e cooperando cos
concellos para que estes poidan contar con servizos e desenvolver
accións e medidas de cara ao fomento do uso e prestixio da lingua galega
en todos os ámbitos sociais. Deste xeito, a proposta da CTNL concrétase
en tres puntos básicos:
1. Que desde cada deputación se cree un
programa de cooperación para o fomento do galego desde os concellos,
para que estes poidan contar con servizos de normalización lingüística
co obxectivo de incrementar o uso e prestixio da lingua galega en todos
os ámbitos sociais dos municipios e comarcas.
2. Que cada
deputación conte cun servizo de normalización lingüística propio que,
ademais da acción normalizadora no seo da propia entidade, sexa o
organismo técnico encargado de planificar accións de fomento do uso e
prestixio do galego para seren implementadas en colaboración cos SNLs
dos concellos e outras entidades, para que así cheguen ao maior número
de ámbitos, sectores e cidadáns posible, e de xeito planificado e
coordinado.
3. Que cada deputación elabore, aprobe e aplique un
plan de actuación e/ou regulamento transversal para o fomento da lingua a
través do que se establezan criterios lingüísticos e medidas
transversais en todas as súas accións e áreas de actuación, de xeito que
con todas elas se procure o incremento social do uso e prestixio do
galego. Esas medidas e criterios lingüísticos básicos débense ter en
conta tanto en accións propias que cada deputación desenvolva en todas
as súas áreas coma naquelas bases ou criterios que se apliquen á hora de
conceder subvencións, de asinar convenios, de concesionar servizos,
etc.
A proposta completa pódese descargar en .pdf aquí.
Información tirada do web da CTNL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario