xoves, 18 de xuño de 2015

Unha investigación presentada na UVigo detalla as vantaxes e feblezas das TIC no ensino matemático

Teñen as novas tecnoloxías potencial para o ensino das matemáticas? A xuízo de Maria João Valente da Silva Couto, docente da devandita materia en Portugal, a resposta é totalmente afirmativa, aínda que con matices e convidándonos sempre a nós mesmos a emendar as eivas provocadas por un uso incorrecto das mesmas. Así o deu a coñecer, afondando na cuestión e achegando probas e experiencias, na súa tese As TIC como recursos didácticos na aprendizaxe da matemática no Ensino Secundario, dirixida pola profesora Carmen Ricoy. A investigación, presentada recentemente na Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense, xorde directamente da experiencia de Valente de Silva como docente de matemáticas no país irmán e, tamén, como investigadora en innovación educativa.
A tese foi financiada cunha bolsa de doutoramento da Fundação para a Ciência e a Tecnologia de Portugal, e desenvolveuse entre os anos 2010 e 2015. Segundo fai saber Valente da Silva, “o obxectivo foi coñecer e analizar os puntos fortes, os febles, as oportunidades e as ameazas que condicionan a integración das TIC como recurso didáctico na disciplina de matemáticas no Ensino Secundario”. Para acadalo, empregou “unha metodoloxía mixta”, cun inquérito dirixido ao alumnado no que participaron 774 persoas; entrevista a 70 profesores de matemáticas e grupos de discusión con 83 alumnos e alumnas de Ensino Secundario do Norte de Portugal. A análise, entre outras cousas, amosou como puntos fortes a accesibilidade aceptábel aos equipamentos TIC, o uso estendido destas tecnoloxías en contextos non escolares, o potencial didáctico recoñecido por estudantes e mestres e a motivación que espertan no alumnado. Polo que respecta aos puntos febles ou eivas, a investigadora apunta ás distraccións que supoñen un uso non axeitado das TIC e, tamén, o traballo extra que representa o emprego das ferramentas dixitais para o profesorado. Porén, malia as debilidades atopadas, “recoñécense as oportunidades de traballo colaborativo, o potencial de aprendizaxe en liña, os beneficios do aprendizaxe autónomo e o interese polo software matemático e a videoconferencia”.
En canto ás ameazas, a investigación apunta ás seguintes: a pouca influenza do uso das TIC nos resultados académicos da disciplina, a falta de aspiracións persoais do alumnado e as desigualdades no acceso e uso destas tecnoloxías condicionadas por variábeis sociodemográficas. Entre estas ameazas tamén se inclúen “o escaso emprego educativo destes recursos, sendo aínda predominantes os libros de texto e as fichas de traballo; a metodoloxía da ensinanza empregada; o plan de estudos do centro cando non promove o uso deste tipo de materiais educativos e a pouca importancia dada por algúns profesorado e alumnado ás ferramentas dixitais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario