mércores, 17 de xuño de 2015

As dificultades de ser emprendedor no mundo rural

Belén e Iñaki levan tres anos tentando facer realidade o seu proxecto empresarial. E logo de moitos atrancos acaban de presentar Alicornio, unha empresa de licores ecolóxicos exquisitamente coidados. No fondo do seu negocio está o coidado polo medio e a dinamización do entorno rural como contan nesta entrevista.

Sarreaus é un pequeno concello da Limia, en Ourense, que non chega aos 1.800 habitantes. Foi aquí  onde Belén Mellado e Iñaki Terrados decidiron poñer en marcha un pequeno proxecto emprendedor, Alicornio, nunhas antigas naves gandeiras da familia de Belén.
 
Levan tres anos loitando coa burocracia e os bancos pero, finalmente, xa teñen no mercado os seus tres primeiros licores; de café, de framboesa e un augardente de limón. Todos eles preparados mediante un coidado proceso de elaboración con bagazo procedente de uva ecolóxica certificada e destilación mediante sistema tradicional de alambiques de cobre.
 
Polo camiño tiveron moitos problemas; “a información escasea e parece que o medio rural só serve para un tipo de empresa  a da produción agrícola, non de  transformación”. Tamén problemas de financiamento. Pero, finalmente, Alicornio xa é unha realidade.
 
No fondo do seu negocio está tamén un exquisito coidado polo medio. “Non subimos ó tren dos produtos ecolóxicos coma unha moda, ou unha técnica de márketing, queremos cambiar a nosa contorna. Xa levamos 15 anos nela, apostando por un rural vivo e sostible”, destaca Belén nesta entrevista.
 
Licores. Esa é a aposta do voso negocio. Licores, en Galicia, hai milleiros, que vos diferencia do resto?
A maioría dos elaboradores parten dun destilado que compran a grandes destilerías industriais o que rebaixa moitas veces a calidade e uniformiza os resultados finais. Nós elaboramos nunha pequena destilería tradicional de alambiques de cobre a nosa propia augardente,a partires de bagazos seleccionados previamente; e non nos treme a man á hora de rexeitar grandes porcións do destilado se con iso conseguimos mellora-la calidade . Unha vez temos a base,na maceración non escatimamos nin en tempo nin en cantidade de froita ou herbas que poden necesitar os licores. Cada un deles, sae cando está no seu punto, ben redondeado, aínda que iso poida supor retraso na saída do produto.
 
Un dos vosos fortes é, precisamente, o xeito de facelos e a etiquetaxe de ecolóxicos. Véndese hoxe máis por ter na etiqueta iso de “ecolóxico”?
Consideramos que a etiqueta de ecolóxico é un control máis de calidade, que asegura unha elaboración respetuosa co medio, no mercado axúdanos a avalar a calidade dos nosos produtos. Nós non nos subimos ó tren dos produtos ecolóxicos coma unha moda, ou unha técnica de márketing, queremos cambiar a nosa contorna e poder crear unha rede de produtores locais que nos abastezan (ademais de ter nós parte da materia prima). Levamos no mundo da promoción da agricultura ecolóxica máis de quince anos, apostando por un rural vivo e sostible.
 
Con que licores saídes agora ao mercado?
Agora mesmo temos licor de framboesa e licor de café  ecolóxicos, e en convencional un destilado con limón. 
 
E por que eses e non outros?
Porque como dixemos antes, respectamos os tempos, e aínda que puxemos en maceración algúns o mesmo tempo teñen ritmos diferentes de maduración.
 
E tedes xa en mente algún outro licor?
Si, en breve sairá un de laranxa e herbaluisa, un de arandos e xenxibre e un de herbas. Para o outono sacaremos un licor de castañas. Aínda que estamos tamén probando outros sabores e coa idea de facer un destilado de pataca e cereal aproveitando os recursos limiáns.
 
O voso é un negocio cuasi familiar. Cóntanos como foi o proceso para poñelo en marcha?
Comezamos coa idea hai cousa de tres anos, démoslle forma no Centro Cooperativo de Verín e fomos perfilando plan de viabilidade, estudo de mercado... Os trámites para poder reformar a nave, que antes era unha granxa, leváronnos tempo así que non puidemos comezar na campaña do 2013. Entramos no 2014 e mentres fomos formándonos: prácticas con poteiros, visita a destilerías, teses de augardente e cursos de licores e de xestión de empresa. Non foi tempo perdido se non gañado, pero hai que ser teimudo para levar adiante un proxecto. Nós tivemos moita axuda económica a través dos empréstitos gratuítos e moitas facilidades nas adegas coas que traballamos.
 
E como é iso de ser un emprendedor no medio rural?
Complexo, a información escasea e parece que o medio rural só serve para un tipo de empresa  a da produción agrícola, non de  transformación. Poño por caso: na nosa zona hai experiencia de cultivo de pataca, de cereal,explotacións gandeiras...Pero non experiencias de transformación para darlle un valor engadido. Hai que moverse moito para se informar. Ademais a poboación está moi envellecida e a zona despoboada, non é habitual encontrar xente coa que empatizar e que entenda que queres facer cousas diferentes, o cal desanima bastante a establecerse. É a pescada que se morde a cola.
 
E tivechedes algún tipo de axuda institucional?
Tivemos, unha subvención de Medio Rural de transformación de produto agrícola.  
 
Que opinades, precisamente, das axudas a emprendedores.?, credes que serven? 
Consideramos que serven, mais que son complexas para xestionar e que os requisitos que piden ás veces supoñen máis trabas que facilidades. 
 
Que eivas lles vedes?
Por exemplo unha subvención ó 50% ingrésancha unha vez que realizas a inversión, pero ti necesitas os cartos para face-la obra ; así que tes que te endebedar igualmente. Isto, sumado ó sobredimensionamento nalgúns casos (polo feito de pensar que vas recibir una subvención) leva a que moitos proxectos realicen a inversión o primeiro ano e ó cabo de cinco estean pechados.
 
Algunhas recomendacións para os que, coma vós, estean montando algún negocio?
Que teimen, e volvan teimar, que dimensionen ben os proxectos para poder financialos e levalos a cabo, e que busquen vías de financiación alternativas ós créditos bancarios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario