Segundo o organismo estatístico estatal o custo salarial galego nos primeiros tres meses do exercicio situouse nunha media de 1.582 euros por persoa e mes. Son apenas 10 euros máis que hai un ano, un incremento do 0,6% interanual que deixa a suba galega só por diante das tres autonomías nas que os custos salariais se reduciron neste período -Castilla-La Mancha, Asturias e Cantabria- e xusto por diante de Euskadi, na que a variación foi practicamente nula.
O escaso dinamismo da evolución salarial galega deixa o aumento por tras da media estatal, que se situou no 1,44%. A distancia é aínda maior coas comunidades nas que os soldos subiron máis durante este ano. As maiores subas foron as de La Rioja e Aragón, seguidos polas turísticas Balears e Canarias, todas elas por riba do 2,5% de incremento.
Este datos fan, así e todo, que os custos salariais galegos estean un chisco máis arriba que hai un ano en relación ao resto de autonomías. No primeiro trimestre de 2014 os soldos que recibían as traballadoras e traballadores galegos eran os terceiros máis baixos do Estado, só por diante de Canarias e Extremadura. Desta volta o mal comportamento dos salarios en Castilla-La Mancha fai que Galicia ascenda un posto, ata o cuarto comezando polo final.
O comportamento dos soldos galegos fai que aumente a fenda coa media salarial do EstadoEste panorama provoca que, no marco da suposta saída da crise, a fenda salarial entre Galicia e a media estatal tenda á diverxencia. Se hai un ano a diferenza entre os salarios galegos e os do conxunto do Estado era duns 230 euros agora achégase xa aos 260. As persoas que traballan en Galicia reciben cada mes, como media, uns 600 euros menos que se o fixesen en Euskadi ou Madrid, onde as rendas son tamén máis altas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario