xoves, 25 de xuño de 2015

A asfixia premeditada da universidade galega

Os recortes aplicados pola Xunta durante estes anos nun xa de por si precario financiamento do sistema universitario sitúana á beira da insustentabilidade. 

O recente anuncio da Universidade da Coruña (UdC) de que ía paralizar todos os gastos correntes dos seus centros trouxo á primeira liña os problemas de financiamento do sistema universitario galego. Un tema de calado, cuxo debate non se limita á comunidade universitaria, senón que ten consecuencias directas sobre o modelo de país que se quer construír.
"O sistema universitario galego ten un financiamento precario, lonxe dese 1% do PIB que sería mester para ter un ensino de máxima calidade", defendeu CIG-Ensino. Un 'precario financiamento' que se traduce na realidade, denuncian sindicatos e asociacións estudiantís, en cifras que falan por elas propias: redución nos orzamentos de 86 millóns de euros nos últimos 5 anos, un período no que se perderon máis de 350 profesores (o que supón un recorte do 8% no cadro de persoal) e case 1.290 investigadores.
"É como unha paisaxe despois dunha batalla, dunha universidade, a galega, que se está descapitalizando e afogando. E iso nótase nas vagas de recortes que levamos sufrindo estes anos", sostén desde Vigo Antonio Rodríguez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario