Firma e Filme nace para a posta en valor de dous eidos creativos da 
cultura galega, o das imaxes e o das letras, a través dun proxecto 
conxunto que contribúa a estudar as posibilidades de adaptación das 
obras literarias galegas ao noso audiovisual. Para isto, o primeiro paso
 é a compilación de información, tanto da oferta editorial coma dos 
intereses e proxectos actuais demandados polas produtoras, polo que os 
interesados terán de prazo ata o 18 de xuño para remitir ao enderezo audiovisual.agadic@xunta.es as fichas normalizadas, que se poden descargar do web da Agadic.
 
 As editoriais deberán encher unha solicitude por cada título proposto 
susceptible de adaptación cinematográfica, indicando o xénero no que se 
insire entre un total de 14 preestablecidos, o grupo de público 
potencial ao que se dirixe (infantil, xuvenil, adulto ou familiar) e 
mais o formato proposto para a súa versión audiovisual: longametraxe ou 
curtametraxe (de ficción, documentais ou de animación), serie, TV-movie,
 experimental, proxecto multimedia, videoxogo, webserie, etc.
  
Pola súa banda, as produtoras sinalarán, no momento de se inscribir, o 
formato no que teñen interese de realizar as adaptacións, os xéneros 
preferentes (animación, acción, aventuras, bélico, biopic, ciencia 
ficción, comedia, drama, experimental, fantástico, musical, romántica, 
suspense, terror, de suspense, do oeste...) e mais o grupo de 
espectadores ao que queren dirixirse.
 Cos datos recibidos, 
iniciarase unha fase de análise e informe para intercambiar impresións 
entre as partes e con vistas á organización dunha axenda final de 
reunións bilaterais executivas que se desenvolverán en Pontevedra no mes
 de decembro no marco de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais.
 
Ningún comentario:
Publicar un comentario