venres, 12 de xuño de 2015

Carta dun alumno que quere estudar galego

É obvio que o galego non é totalmente inmune aos cambios propios dunha lingua, pero cando falamos dunha rexión que está fóra de Galiza onde tamén se fala galego a situación aínda se volve máis precaria.
"Coa chegada da LOMCE á educación pública déixase o galego desprotexido, contradicindo o propio Estatuto de Castela e León"
Falo da rexión do Bierzo, no noroeste de Castela e León, lugar onde o galego forma parte da súa cultura e onde, desde hai algo máis dunha década,  está presente no ámbito educativo grazas ao convenio de colaboración entre a Junta de Castela e León e a Xunta de Galicia para fomentar a lingua galega dentro da educación primaria e secundaria deste territorio galegofalante.
Este convenio entre as dúas rexións parecía que volvía recuperar o galego,  pero foi un espellismo. Coa chegada da LOMCE á educación pública déixase o galego desprotexido, contradicindo o propio Estatuto de Castela e León que, no seu artigo número 5, di: “Gozarán de respecto e protección a lingua galega e as modalidades lingüísticas nos lugares en que habitualmente se utilicen”.
Para chegar á situación actual vou describir como foi o meu paso por este programa. Cando ía entrar no instituto, descubrín que o programa de promoción da lingua galega no Bierzo tiña continuidade na ESO. Ante a miña sorpresa o que me atopei na súa presentación ante o equipo directivo foi un intento de evitar que collésemos a opción “Ciencias sociais en galego”. Poñían argumentos que para min soaban ridículos como que o galego só serve para Galiza, esquecendo que a través do galego temos acceso a   200 millóns de falantes de portugués, pero que fixeron que de 30 alumnas e alumnos que estabamos no programa en educación primaria tan só dous elixísemos cursar Ciencias Sociais en lingua galega.
"Poñían argumentos que para min soaban ridículos como que o galego só serve para Galiza, esquecendo que a través do galego temos acceso a   200 millóns de falantes de portugués",
Nos dous anos seguintes seguimos sendo dous os “pioneiros”, cunha continuación da campaña de disuasión, difamatoria da nosa lingua, que conseguiu o seu obxectivo. Cando eu xa estaba en 2º da ESO, os novos alumnos de 1º sentiron temor e  esta opción acabou quedando sen alumnos.
Na miña promoción a cousa recaeu en 3º da ESO cando xa só era eu o que cursaba CCSS en galego coa miña profesora actual, apoiando a lingua galega dunha maneira digna, tan digna como todos os profesores de galego que se aventuraron a dar clase alí.
O clímax da situación chega este ano, cando a Junta considera o galego como unha materia de “Libre configuración autonómica”, unha denominación que quere enmascarar una clara intención de nos facer perder o programa de galego. Este ano somos tres os que cursamos CCSS en galego e uns 15 os que escollemos Lingua e Cultura Galega. Pero agora esta última materia deberá saír do horario lectivo, o que implica vir unha hora antes que o resto de alumnos que non escolleron galego en Bacharelato. As clases empezan ás 8:40, pero eu en 1º de Bachelerato terei que vir tres días á semana ás 8:45 da mañá e en 2º catro veces por semana a esa hora. É unha total discriminación contra o alumnado que escolle Lingua e cultura galega e ao mesmo tempo contra o Bierzo.
"E a Xunta de Galicia vai facer algo ou dicir que todo vai ben mentres o galego queda ferido? Se non loitamos, non hai galego forte, así de sinxelo".
O que provoca este cambio é obvio, aos alumnos que veñan de vilas máis pequenas ou aldeas en autocar  (o alumnado de Bachelerato xa non ten o dereito a vir nel)  seralles imposible vir a esa hora, pois se teñen que recorrer ao transporte escolar será porque seus pais non os poden traer ou ben viven demasiado lonxe. A conclusión final é un descenso do número de alumnado que curse galego no Bachelerato.
Todas estas medidas, que se toman con case 800 alumnos que estudan galego aquí no Bierzo e Sanabria e con 47 profesores que están dentro do Programa de Promoción da lingua galega no Bierzo, fan que nos indignemos totalmente ante esta situación. Iso é o que queremos nós para o galego? E a Xunta de Galicia vai facer algo ou dicir que todo vai ben mentres o galego queda ferido? Se non loitamos, non hai galego forte, así de sinxelo.

Daniel Bernardo Vivero

Alumno de 4º da ESO di IES Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo

Ningún comentario:

Publicar un comentario