venres, 26 de xuño de 2015

Galiza perdeu durante 2014 máis de mil habitantes cada mes

Saldo vexetativo e migratorio deixan un país con poboación minguante e que xa representa menos do 5,6% do conxunto do Estado español.

Perder 12.311 habitantes nun ano nun país que non chega aos 2.735.000 residentes non é tarefa doada. Fai falla a conxugación de saldos negativos, quer o vexetativo quer o migratorio, e un escenario de ausencia de oportunidades laborais e carencia total de expectativas de futuro. Galiza semellla reunir todas esas circunstancias, de aí que en 2014 perdese unha media de 1.025 persoas cada mes. O que vén sendo 34 cada día ou tres daca dúas horas.
Se a comezos desta semana se coñecía o saldo vexetativo galego, deixando que durante 2014 morreron 10.429 persoas máis das que naceron; a finais de semana saíu á luz o saldo migratorio. Tampouco este indicador deixou boas novas para o noso país: durante os 12 meses o ano pasado marcharon da Galiza para outros territorios do Estado 2.003 persoas máis das que viñeron. Así pois, e pinga a pinga, seguimos a perder poboación.
Unha perda que se dá en 2 direccións: do país cara ao estranxeiro e, xa dentro de Galiza, do rural cara ao urbano, despoboando as zonas, comarcas e provincias rurais en beneficio das vilas grandes e as cidades.
A poboación galega, segundo os dados do INE, representa xa só o 5,58% do conxunto do estado, unha porcentaxe que cae ano a ano, e que hai que enmarcar en procesos, ademais, de avellentamento da poboación. Mais malia representar só o 5,58% da poboación do Estado, representamos o 17% dos habitantes que perdeu o Estado español durante o ano pasado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario