martes, 16 de xuño de 2015

O galego nas aulas do Bierzo, en perigo de desaparecer

O colectivo Fala Ceibe deu a voz de alerta cunha nota na que destacaba que a orde do 4 de maio da Junta de Castilla y León podía significar "un paso definitivo para a eliminación da lingua galega no sistema educativo do Bierzo". Explicaba os prexuízos obxectivos que o alumnado que optara por esta materia, que pasa a ser de libre configuración, podería ter: ampliación en 3 ou 4 horas no tempo de aulas fóra do horario lectivo establecido e sen servizo de transporte escolar.
"Suporá que moitos e moitas estudantes deixan de escoller esta materia, debido ás dificultades e impedimentos que se lles impón. Ademais, o alumando que escolla esta opción irá a aulas mentres os seus compañeiros asisten a actividades complementarias ou non asisten", sinalan, mentres valoran que a orde da Junta sitúa o galego á altura de actividades extraescolares como guitarra, cociña ou karate.
Madúranse nestes días iniciativas por parte das ANPAS, como requirir un posicionamento do Parlamento Galego ou mesmo a convocatoria dunha manifestación para mostrar o rexeitamento a unhas ordes que, na práctica, poden supor a eliminación do galego do ensino no Bierzo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario