A MNL participa na delegación de ELEN que denuncia esta quinta feira en Xenebra a vulneración de dereitos lingüísticos polo Estado español perante o Consello de Dereitos Humanos da ONU.
A Mesa pola Normalización Lingüística, xunto coas entidades que forman parte da Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) no Estado español, participará esta quinta feira, na cidade suíza de Xenebra, na sesión do Consello de Dereitos Humanos da ONU que avaliará o Estado español para denunciar as discriminacións e ataques que sofren as e os falantes das linguas propias de cada territorio, onde se inclúen as producidas en Galiza, e que a Mesa recolle a través do servizo A Liña do Galego. Falamos co presidente da MNL, Marcos Maceira, sobre esta iniciativa.- Cal van ser os puntos principais da intervención da Mesa perante o Consello?
- Xa en xaneiro presentamos un informe perante este organismo no que se incluían denuncias de incumprimento dos dereitos humanos en materia de lingua: desde problemas no eido da sanidade á educación, pasando pola xustiza, etc... Os problemas habituais que calquera persoa galego-falante que exerza de tal se pode atopar no día a día e que son discriminacións.
"Nós o que pedimos é que unha persoa aquí teña os mesmos dereitos que unha en Murcia, en Londres ou en París na utilización da súa lingua propia"Nesta ocasión preséntase un documento conxunto dos pobos con lingua propia no estado español, e nós imos intervir para relatar o que acontece na Galiza. O Consello, aliás, xa ten un amplo dossier que lle entregamos no seu momento sobre este tema. Unha vez finalizada a comparecencia terá lugar unha rolda informativa con medios internacionais, ONGs...
- Presentan entre outros exemplos un caso concreto de discriminación e vulneración de dereitos individuais por motivo de idioma, que é o dun paciente no Sergas...
Unha persoa que tivo que agardar dous anos máis para se operar polo simple feito de pedir o impreso en galego. Unha cuestión grave. Castigado por pedir usar o teu idioma e castigado ademais pola administración encargada de protexer esa lingua. A Xunta resolveu negativamente a denuncia presentada por un doente en Vigo a quen se lle atrasou case dous anos unha operación, tras requirir asinar a correspondente autorización en galego. O impreso non se lle quixo dispoñibilizar en galego até meses máis tarde, co conseguinte agravamento do seu estado de saúde. Malia a desestimación polo Sergas, cunha resolución en que porén recoñece a vulneración do dereito a utilizar galego, a denuncia continúa nos tribunais e o xuízo terá lugar o 21 de xullo en Vigo.
- A Mesa asume unha responsabilidade que, ten afirmando, debería ser exercida pola propia administración galega...
O lóxico sería que a Xunta actuase para defender o idioma propio e oficial en Galiza, esa é a súa obriga, defender o galego. Mais non o fai. E non só non o fai, e que ela é responsábel de moitas das agresións que sofren os galego-falantes.
- Están a apostar en levar o que acontece co galego a instancias internacionais...
Todas as denuncias que nos chegan tramitámolas polas vías que corresponden. Perante a empresa ou sector privado (se se dan aí), perante a administración pública, o Valedor do Pobo... A maiores, hai unha canle que tamén se pode empregar para dar solución aos problemas que padecen os galego-falantes, como é a vía internacional, e por iso recorremos tamén a ela.
- Davyth Hicks, secretario xeral de Elen, anunciou que tras a denuncia na ONU “ELEN vai chamar á UE a abrir un proceso contra España por violación da Carta de Dereitos fundamentais”.
Os dereitos lingüísticos son dereitos da comunidade que fala ese idioma, e xa que logo tamén das persoas que compoñen esa comunidade. Por iso, a vulneración dos dereitos lingüísticos é tamén unha vulneración de dereitos individuais, dos dereitos das persoas. Nós o que pedimos é que unha persoa aquí teña os mesmos dereitos que unha en Murcia, en Londres ou en París na utilización da súa lingua propia. Este tipo de iniciativas é importante, a realidade da discriminación dos galego-falantes estase a coñecer en todo o mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario