A compañía española
Weplan, da que falamos
recentemente para dar conta dun
estudo de seu no que se amosaba a cantidade de cartos que se perden
en facturas de teléfono mal axustadas (unha media de 263 euros
ao ano por usuario), vén de presentar máis datos sobre o devandito
relativos desta volta ao mercado galego. Segundo fai saber o Primeiro
Estudo de Aforro en Tarifas Móbiles feito por Weplan, os
usuarios de dispositivos da nosa terra estamos á cabeza do Estado en
gasto na factura do móbil: até 24 euros mensuais. Esta cifra,
sinala Weplan, reduciríase en 15 euros con só mudarmos de tarifa.
Por cidades, Ourense é a
que atesoura os usuarios con “peor ollo para elixir tarifa”,
sinálase no estudo, sendo o aforro posíbel de 18 euros mensuais.
Ademais, os ourensáns son os que menos minutos falan ao mes, estando
no outro extremo da comparativa os cidadáns de Pontevedra, que é a
capital galega na que “mellor se elixe a modalidade móbil de
consumo” e, en consecuencia, a que amosa menor marxe de aforro
potencial (só 12 euros).
Na investigación
sinálase que Ourense e A Coruña están á cabeza en gasto móbil
cunha media de 26 euros mensuais. No lado oposto, Pontevedra e Lugo
son as capitais galegas que máis aforran na súa factura móbil cun
gasto de 23 e 25 euros de media, respectivamente. O estudo revela que
os coruñeses falan polo móbil unha media de 92 minutos ao mes, e os
pontevedreses 102 minutos (están á cabeza de Galicia). As cidades
que menos tempo pasan ao teléfono son Ourense (63 minutos) e Lugo
(88 minutos).
En canto ao consumo de
datos móbiles, Pontevedra é a capital galega na que máis se navega
desde o dispositivo intelixente, cunha media de 916 MB ao mes,
seguida de Lugo (790) e A Coruña (572). A media de Ourense é de 319
MB, sendo a capital galega onde menos se navega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario