A dimisión do director do CDG e de dúas membros do padroado do CGAC –incluída a súa presidenta-- poñen en dúbida a política cultural da Xunta nun momento no que o sector pide cambios importantes.
Chove sobre mollado na cultura institucional de Galicia. Cando a
Consellería de Cultura aínda non apagara un lume, prendeu outro tan ou
máis grande que o anterior. E é que as dimisións que tiveron lugar a pasada semana no Padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), sumouse á do director do Centro Dramático Galego (CDG) este mércores. Dúas baixas importantes que poñen en dúbida a actual política cultural da Xunta de Galicia.
O dramaturgo Manuel Guede Oliva presentou a súa
renuncia como director do Centro Dramático Galego (CDG), "a petición
propia" e "por motivos persoais", segundo informa a Consellería de
Cultura. Unha renuncia que o Consello Reitor da Axencia Galega das
Industrias Culturais (Agadic) decidiu aceptar este mércores e expresou o
seu "agradecemento" aos servizos prestados polo até agora director do
CDG.
Manuel Guede chegou á dirección do CDG en substitución de Branca Cendán tras
a súa destitución en setembro de 2012, un posto que o dramaturgo xa
ocupara entre 1991 e 2005. Durante a súa estancia á fronte da compañía
pública, Guede fixo do fomento das relacións e o intercambio con
Portugal o seu principal selo.
Tras esta renuncia, o Consello Reitor do CDG autorizou a posta en marcha de forma inmediata dun procedemento público de selección de persoal para
cubrir a praza de coordinador do departamento de Produción Teatral da
Agadic, posto que ocupaba Manuel Guede e que comprende entre as súas
funcións a dirección da compañía institucional galega.
Segundo as fontes consultadas, Guede marcha “canso” do baixo orzamento que a CDG ten desde fai anos e da imposibilidade de realizar un traballo “profesional”. “Unhas eivas que vai que ter que tragar o novo director”, apuntan.
Esta dimisión súmase ao crebacabezas no que se converteu a elección do novo director do GCAC.
E é que as sombras neste proceso provocaron que a médica e
coleccionista de arte Sofía Santos Pérez dimitira como presidenta do
padroado deste centro esta semana. Santos sumouse así á dimisión de
Marisa Sobrino, catedrática xubilidada de arte da USC, que o fixo xa a
semana pasada.
Tanto Sofía Santos coma Marisa Sobrino marcharon tras
protestar polo proceso de elección de novo director do CGAC que
consideran incorrecto e pola “deriva" na que atopa o CGAC nestes
momentos. Unhas críticas ás que se sumou tamén a deputada do BNG Ana
Pontón.
No concurso de elección de novo director, os dous candidatos que quedaron nos segundos e terceiros postos, Manuel Segade e Juan de Nieves, protestaron pola baremación dos méritos e a convocatoria de probas, que segundo eles favorece ao candidato Santiago Olmo.
Este mércores Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, saía ao paso destas críticas e destas dimisións defendendo en todo momento a “limpeza” do proceso de selección.
Así, negou que houbera incongruencias na elección de Olmo e tamén que
haxa problemas dentro do CGAC logo da marcha de dúas integrantes do seu
padroado.
As fontes consultadas destacan que estas dimisións en dous centros de
referencia da Cultura galega demostran a situación de “crise “ que vive a cultura do país e, especialmente, da “deixación de funcións” e do “descoido” co que a actual Xunta trata os organismos culturais de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario