martes, 16 de xuño de 2015

O sector aeronáutico en Galicia espera empregar 3.000 persoas en 2017

Airbus, Delta Vigo e representantes da Axencia Espacial Europea debaterán sobre o sector en Vigo.

A industria aeronáutica e espacial de Galicia espera empregar máis de 3.000 persoas en 2017, o dobre dos traballadores con que conta na actualidade. O presidente do Consorcio Aeronáutico Galego (CAG), Enrique Mallón, fixo este cálculo na presentación do primeiro Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial de Galicia, que se celebrará en Vigo os próximos días 23 e 24.
Mallón subliñou que a actividade aeronáutica e aeroespacial xerou o 0,04% das exportacións da comunidade galega en 2014 grazas ao labor de máis de 20 empresas e organizacións certificadas e doutras 40 con potencial para introducirse no mercado a curto prazo.
O próximo mes de setembro, o CAG abrirá unha terceira rolda de certificacións que ten como obxectivo avalar, entre 2015 e 2016, a unha ducia de novas compañías que deberán superar controis en materia de procesos internos de calidade, maquinaria, equipos e persoal cualificado. O presidente do CAG prognosticou que a industria aeronáutica e espacial se converterá en "un dos principais nichos de negocio" en Galicia, vistas as potencialidades existentes.
Mallón citou os tres aeroportos galegos, a ausencia de inconvenientes para o tráfico pesado, unha meteoroloxía que non dificulta o tráfico aéreo e a cantidade de centros de formación "con alta calidade nos seus criterios de ensino" presentes no territorio. Animou as institucións públicas a incrementar o seu apoio "a curto e longo prazo", e valorou os investimentos da Xunta en infraestruturas como o aeródromo de Rozas, en Lugo, ou o labor das universidades de Vigo e A Coruña como transmisoras de coñecemento.
Co obxectivo de situar a Galicia "como foco da industria a nivel internacional" para que as empresas da comunidade se integren nun mercado que atende a máis de 3.000 millóns de usuarios ao ano, o CAG organizou este congreso que atraerá "os principais actores do sector", segundo Mallón.
O secretario técnico do CAG, Francisco Calvo, anunciou que fabricantes como Airbus, empresas galegas como Delta Vigo, representantes da Axencia Espacial Europea e outros organismos debaterán sobre a situación actual, as tendencias de futuro e os requisitos para que as empresas locais entren no mercado.
Todo iso para atender a unha demanda que se incrementará, segundo a Previsión Global do Mercado de Airbus, a un ritmo do 4,7% anual a nivel global nos próximos 20 anos, e que creará a necesidade duns 31.400 novos avións de pasaxeiros e carga por valor de 4 billóns de euros neste período.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario