luns, 15 de xuño de 2015

"Fomos e somos dependentes do proceso de normalización lingüística"

Dise da cultura da autonomía que baleirou de contido o feito diferencial e esqueceu os conflitos de clase.  Falamos con Manuel Bragado.

A cultura da autonomía nace do concepto de cultura da transición, entendendo como tal unha cultura consensuada, vertical, comandada en boa medida polos gobernos, que desactiva a cultura crítica. Concordas con esa análise?
-Para a cultura galega a autonomía foi determinante, especialmente polo recoñecemento por vez primeira ao longo da nosa historia da nosa lingua e a súa incorporación ao sistema educativo e aos usos públicos, polo que supuxo a Lei de normalización lingüística e os primeiros acordos amplos ao redor dun estatus para a lingua galega. Foi un factor decisivo para o desenvolvemento do sector editorial e contribuíu ao desenvolvemento doutras expresións da creación e das artes. A crítica ten que ver máis  coas formas de exercicio do poder e do goberno da autonomía, co cientelismo,  que con ese outro proceso de recoñecemento institucional da lingua, que entendo como unha conquista, e da nosa cultura.
-Cales dirías que foron as lagoas, os erros, nos que caeu o sector editorial no período autonómico?
-Fomos e somos absolutamente dependentes do proceso de normalización lingüística, no que se produciron avances moi importantes dende 1983 a 2004, cando se aproba o Plan de Normalización Lingüística, e se deu un rapidísimo retroceso co goberno do presidente Feijóo.  Desapareceron moitas das axudas e dos incentivos nestes novos anos escuros e o sector empezou a sentir os efectos de forma moi preocupante.
-Rexina Vega era especialmente crítica con Galaxia e Xerais nunha entrevista recente, ás  que cualificou como "mandaríns da literatura galega" nas redes sociais. De onde coidas que parte esta crítica? 
-Non vou facer unha valoración desa entrevista porque non me corresponde. Entendo esas palabras como síntoma dun malestar nun sistema que non se configurou como tal. O sistema editorial centrouse moito no educativo no seu desenvolvemento. O sistema literario ten un peso moi escaso no conxunto do que se edita, e probabelmente esas palabras expresaban un malestar por ese feito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario