venres, 12 de xuño de 2015

A CIG-Ensino entrega máis de 3.886 sinaturas de profesorado en demanda do uso gratuíto dos materiais audiovisuais no ensino

Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse diante da Consellaría de Educación.


No decurso da concentración, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou que a Consellaría de Educación mediante unha circular limite o uso das reproducións de obras audiovisuais como ferramenta indispensábel no traballo docente. “Ante este atropelo, levamos o tema á Mesa Sectorial do 10 de febreiro de 2015 para solicitar a derrogación da circular 14/2014 de limitación da reprodución de obras audiovisuais, xa que, independentemente da nosa valoración da Lei da propiedade intelectual, é unha irresponsabilidade da Consellaría trasladar o problema aos centros educativos e limitar o uso dos recursos audiovisuais. Se hai conflito cos xestores deses dereitos, debe ser a Consellaría a que pague o uso dos mesmos e non os centros”, afirmou.
Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse este mércores diante da Consellaría de Educación, en San Caetano, para exixir a derrogación da circular que impón restricións no uso das obras audiovisuais como ferramenta didáctica e para que se elimine o pago de 1,25 euros por alumno/a e ano que a Consellaría acordou coa empresa Motion Picture Licensing pola utilización de contidos audiovisuais. Coincidindo coa concentración, a CIG-Ensino fixo entrega de 3.886 sinaturas recollidas entre o profesorado demandando a gratuidade destes materiais.
No decurso da concentración, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou que a Consellaría de Educación mediante unha circular limite o uso das reproducións de obras audiovisuais como ferramenta indispensábel no traballo docente. “Ante este atropelo, levamos o tema á Mesa Sectorial do 10 de febreiro de 2015 para solicitar a  derrogación da circular 14/2014 de limitación da reprodución de obras audiovisuais, xa que, independentemente da nosa valoración da Lei da propiedade intelectual, é unha irresponsabilidade da Consellaría trasladar o problema aos centros educativos e limitar o uso dos recursos audiovisuais. Se hai conflito cos xestores deses dereitos, debe ser a Consellaría a que pague o uso dos mesmos e non os centros”, afirmou.
Louzao lembrou que a Consellaría “non só non atendeu a proposta da CIG-Ensino, senón que, posteriormente, acordou cunha empresa privada a utilización dos contidos audiovisuais polo prezo de 1.25€ por alumno/a e ano”. De feito, así se recolle nunha carta remitida o pasado 24 de marzo aos centros educativos polo director xeral de Motion Picture Licensing Company (MPLC) na que pon á súa disposición “unha licenza anual para poder utilizar os contidos audiovisuais polo prezo acordado coa Xunta de Galiza de 1.25€ ao ano por alumno/a, IVE incluído”.
Diante disto, Anxo Louzao asegura que “é totalmente inaceptábel e inxustificábel que a Consellaría, en lugar de facilitar o uso gratuíto e total dos recursos audiovisuais, mercantilice e facilite un negocio a conta dos centros educativos, malia que ano tras ano teñen recortados os orzamentos para o seu funcionamento”.
Afirma que a utilización, reprodución e exhibición de material de carácter audiovisual, fotográfico ou plástico é algo “inherente á práctica docente” e incide en que “o seu uso é imprescindíbel na maioría das materias, xa que facilita, acompaña e ilustra a aprendizaxe, a comprensión, a reflexión e a visión crítica”.
Para a CIG-Ensino, a renovación e a innovación pedagóxica “non pode entenderse sen o uso de todo tipo material, recursos e soportes nos que se manifesta a cultura, as artes plásticas, audiovisuais e artísticas e que deben estar á disposición dos centros”.
Neste sentido, subliña que os propios currículos escolares recollen como estándares de aprendizaxe o uso de producións audiovisuais, audicións musicais, visualización de obras, etc. Por iso Louzao considera que “é incomprensíbel intentar limitar a tarefa docente exclusivamente ao uso do libro de texto e desbotar  o uso dos recursos cinematográficos, musicais, documentais nas aulas de historia, literatura, ciencias, filosofía, música arte, etc”.
Xunto a isto, o secretario nacional da CIG-Ensino asegura que “é impropio” dunha administración educativa que “propicie e alimente un negocio privado a conta dun servizo que a administración educativa está obrigada a facilitar”. Un feito máis que, ao seu entender, “evidencia o desinterese pola calidade de ensino e a desconsideración do traballo do profesorado”.
Diante desta situación, a CIG-Ensino exíxelle á Consellaría que de inmediato prohiba o cobro e o negocio de empresas privadas nos centros educativos e que garanta a total gratuidade da utilización dos recursos audiovisuais como recurso pedagóxico e didáctico, tal e como se viña facendo até o de agora. Fai ademais un chamamento ás direccións dos centros e ao profesorado para que non paguen ningún “imposto” por realizar o seu traballo e que continúen usando todo tipo de ferramentas que son necesarias para realizar o seu traballo coa maior eficacia posíbel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario