xoves, 3 de xullo de 2014

“Yo no sé gallego. Llama en otro momento”

Negan a atención a un cidadán no Carballiño por expresarse en galego cando chamou ao número de atención ao cidadán deste concello. 

Yo no sé gallego. Mejor llama en otro momento”. Esta foi a resposta que lle deron a unha persoa que chamou ao número de atención ao cidadá do Concello do Carballiño.  Unha situación que incumpre a lexislación sobre o uso do galego como lingua propia das administracións locais e que vulnera os dereitos lingüísticos, segundo denuncia a Mesa. 
 
Precisamente, foi unha queixa remitida a esta asociación a través da Liña do Galego a que motivou que esta entidade lle teña pedido explicacións ao concello do Carballiño. Segundo esta queixa, a Tesouraría do Concello do Carballiño enviou unha notificación a un cidadán na que se excluía o uso do galego. Este cidadán dirixiuse ao número de atención indicado no dito escrito para aclarar algunhas dúbidas sobre os trámites que a administración o instaba a realizar. 
 
Porén cando comezou a expor as súas dúbidas, cousa que fixo en galego, a persoa que o atendía díxolle que non entendía o que dicía. “No sé gallego”, espetoulle ao tempo que lle dixo que nese momento non había ningún compañeiro que o puidese atender se se continuaba a expresar nesa lingua, indicándolle que volvese a chamar outro día e dando por finalizada a chamada, segundo apunta a Mesa.
 
“O feito de non seren atendidas as súas dúbidas nese momento supuxo un grave prexuízo a este cidadán ao lle dificultar o cumprimento dos prazos administrativos estabelecidos só polo feito de se expresar no seu idioma”, aclara nun comunicado.
 
Desde este colectivo lembran que este tipo de situación “vulnera claramente a lexislación vixente sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía na súa relación coa Administración”. De feito, o artigo 6.1 da Lei 3/83 de normalización lingüística, aprobado hai máis de trinta anos indica: “Os cidadáns teñen dereito ao uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma”. Tamén o artigo 54.11 da Lei 7/2007 do estatuto do empregado público, estabelece que os empregados públicos “garantirán a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio”.
 
Neste sentido, A Mesa xa rexistrou unha queixa contra o Concello do Carballiño perante o Valedor do Pobo. Así mesmo, desde a asociación en defensa da lingua dirixíronse ao alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, para lle exixir que tome medidas ante “este grave suceso e garanta os dereitos lingüísticos das veciñas e veciños do Carballiño e o cumprimento da lexislación sobre a utilización do galego como lingua oficial do Concello”. “Non hai xustificación posíbel para que desde as administracións se continúen a pór impedimentos para utilizarmos a nosa lingua propia”, sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario