A eliminación de Físicas do campus de Ourense enfronta a Baltar coa Consellería de Educación e tensa os socialistas.
A física, en Ourense, converteuse en falta de química política. O tortuoso camiño vivido pola carreira de Física, suprimida ilegalmente do campus universitario segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que en 2012 sentenciou a súa reimplantación, incendia a convivencia das diferentes familias de PP e PSdeG. José Manuel Baltar ordenou que o PP provincial saíse ao rescate da titulación en contra do acordado polo Conselo Galego de Universidades, presidido polo conselleiro de Educación, o tamén popular e ourensano Jesús Vázquez, que paralizou o proceso en maio. No PSdeG, o apoio a Física mesmo se cobrou cabezas. Pedro Araujo, profesor universitario e membro da executiva socialista local, dimitiu do seu cargo polo respaldo do Concello á titulación.De portas dentro, no PP galego están incómodos co baltarismo, ao que acusan de "dobre moral" ao posicionarse a favor da carreira e ao lado do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que acusou o conselleiro de "manobrar politicamente" para paralizar a resurrección dos estudos baixo a denominación de Enxeñaría Física, tras denunciar "presións" da Universidade de Santiago, onde se imparte a titulación tradicional.
Un lustro de loita
P. T.
A pelexa por física comezou en 2009, cando Educación suprimiu a
titulación de Ourense alegando "falta de demanda" e substituíuna por un
grao de Ciencias Ambientais. Aquela decisión foi ilegal segundo
sentenciou o Tribunal Superior, por omitir a xunta de titulación formada
polos profesores que terían rexeitado a clausura. Pero a xénese do
conflito remóntase a 1994, cando dous grupos de docentes loitaron por
implantar Física ou Xeoloxía. Naquela batalla venceron os físicos e a
ferida nunca cicatrizou. Tras o xerro de auga fría do TSXG, os físicos
conseguiron o contundente apoio do Reitorado e o pasado xaneiro, en
cumprimento da sentenza, unha orde de Educación avalou os trámites para
recuperar a carreira. Pero en maio, o Conselo Galego de Universidades
aprazou a aprobación alegando "confusión" no plan de estudos. Tamén se
sumou o Colexio de Enxeñeiros Industriais, que rexeita a súa
cualificación como enxeñaría.A plataforma procampus, formada por sindicatos, asociacións veciñais, políticos e profesionais do sector, leva anos loitando por Física. A causa traspasa fronteiras e conta con 12.000 firmas, entre elas tres premios Nobel, un premio Wolf ou 400 científicos e enxeñeiros de 20 países. Os últimos en unirse foron todos os grupos do Parlamento, salvo o PP, o mesmo partido que en Ourense si asinou. Claudio Cerdeiriña, o docente que encabeza a revolta, critica o conselleiro por "someterse a presións políticas e da Universidade de Santiago". " Que pensarán os cidadáns cando saiban que unha vintena de profesores nos quedamos con 40 horas anuais de clase por un capricho político? ", asevera. Todos acusan Educación de "dilatar deliberadamente" a tramitación para evitar que a carreira arranque en setembro. O Conselo de Universidades emitirá este mes o seu ditame definitivo.
Consultado por este diario, Baltar nega enfrontamento algún. Pero o certo é que contravindo a expresa "calma" reclamada dende Santiago, a Deputación convocou un pleno extraordinario que rexeitou a postura do Conselo de Universidades e reclamou "unha convocatoria urxente" para que Física volva a Ourense. O Concello aprobou unha declaración institucional igual á que Baltar redactou do seu puño e letra. A Xunta respondeulles "lamentando" ambos os dous pronunciamentos e asegurando que o proceso seguirá "sen atender a presións alleas". No sector máis próximo á dirección galega do PP afirman "estar curtidos" dos asaltos lanzados pola súa sucursal ourensana. E é que xa en 2009, Baltar pai encabezou unha revolta contra a supresión denunciando "maltrato" á provincia.
O PSdeG leva peor as liortas familiares. Pedro Araujo, o decano da Facultade de Ciencias que abandonou a executiva socialista local, non quere ver estudos de Física nin en pintura. Cre que non achegarán nada a Ourense. Este rexeitamento ten a súa orixe nun enfrontamento entre dous grupos de docentes nos anos noventa. Ata a caída do exalcalde Francisco Rodríguez, o Concello pasara de puntillas polo conflito, segundo fontes socialistas, pola "amizade e intereses comúns" de Araujo e Rodríguez, pero tras a chegada á alcaldía de Agustín Fernández, o rexedor asumiu a loita por Física persoalmente.
Tal e como adiantou Faro de Vigo, ese apoio crispou tanto ao decano de Ciencias, que abandonou fulminantemente a executiva do partido acusando o rexedor de "falta de lealdade". E é que no socialismo local xa soa ruído de sabres. Ademais do nome que impulse Pachi Vázquez para as municipais, o sector próximo ao exalcalde Rodríguez manobra para promover un candidato alleo a Agustín Fernández.
Ningún comentario:
Publicar un comentario