Acadado o dominio galego na rede, e despois de que este 25 de xullo comece a estar plenamente operativo a través desas devanditas 93 webs, o reto que ten por diante a asociación é a xestión, promoción e desenvolvemento do dominio. Primeiro, dende o 15 de setembro, a través das fases Abrente (para marcas rexistradas e dominios actualmente existentes) e Carreira (de poxa), e a partir de decembro coa fase aberta, na que calquera empresa, entidade ou particular poderá facerse co seu propio .gal. Falamos con Edita de Lorenzo sobre o traballo que Puntogal ten por diante e sobre as posibilidades e vantaxes que achegará esta marca identificativa.
"A escolla das candidaturas seleccionadas na fase de pioneiros non é casual; estas webs son moi importantes polo respaldo que lle dan ao dominio. O uso que se lle dea ao dominio nas páxinas é o que vai facer que se vexa"Que retos e tarefas inmediatas afrontades dende a Asociación?
O primeiro que temos que facer é pechar todos os procesos que lles permitan ás webs pioneiras comezar a usar o .gal a partir deste 25 de xullo. Se as webs que comezarán a operar o 25 de xullo son as bases da casa, agora hai que seguir construíndo, fortalecendo a estrutura profesional da propia asociación, que até agora desenvolveu o seu labor de maneira voluntarista. En setembro traballaremos na fase de Abrente, na que reservan as marcas, tanto as que ten rexistradas a ICANN coma as rexistradas en Galicia; é unha fase na que queremos traballar con coidado e con marxe de tempo. Teremos que facer difusión e promoción do dominio e das súa vantaxes. En certa maneira, a escolla das candidaturas seleccionadas na fase de pioneiros non é casual; estas webs son moi importantes polo respaldo que lle dan ao dominio. O uso que se lle dea ao dominio nas páxinas é o que vai facer que se vexa. E, finalmente, a etapa clave comezará en decembro, que é cando todo o mundo poderá acceder ao puntogal, e é desa demanda do que vivirá o dominio.
Tedes algunha previsión, ou obxectivo, do número de dominios .gal aos que se poderá chegar nos vindeiros meses?
O certo é que estamos moi inmersos no traballo do día a día, nas últimas semanas en concreto na selección de candidaturas do Programa Pioneiros. Por iso non manexamos unha previsión concreta ou unha imaxe conxunta. A resposta na fase de Pioneiros foi bastante ampla e bastante boa, polo que podemos ser optimistas. Temos que saber vender, e facernos entender na sociedade polo valor engadido que isto ten.
"Para moitas marcas galegas o dominio será importante para reflectir que son galegas. E se cadra aínda será máis importante para as marcas de fóra, porque esa identificación non a teñen xa de seu"Dende Puntogal tense sinalado en varias ocasións a oportunidade que o uso do dominio pode supor para as empresas e para calquera que queira asociar a súa marca a Galicia. Incidiredes nestes aspectos?
Si, ese factor é fundamental no noso labor de difusión, e no noso obxectivo de que se entenda e se vexa a oportunidade de negocio que leva aparellada. Hai empresas que decidiron facer a aposta dende o primeiro momento, e moitas outras que seguramente darán o paso agora ou máis adiante. O dominio ten unha compoñente identitaria moi importante a nivel persoal ou grupal, pero tamén no ámbito empresarial, de xeito que os seus clientes vexan esta asociación con Galicia, que tamén os identifica con eles. Para moitas marcas galegas o dominio será importante para reflectir que son galegas. E se cadra aínda será máis importante para as marcas de fóra, porque esa identificación non a teñen xa de seu. Porque ademais, hai que ter en conta que non só é a páxina web, senón o dominio dos seus correos electrónicos. Falando con empresario dinme que para chegar a Brasil lles é máis doado se se identifican como galegos que se simplemente o fan como españois. Co que significa Brasil nestes momentos. Quen di Brasil di outros países nas que as comunidades galegas teñen moita importancia ou unha bagaxe histórica. Creo que é moi importante dende o punto de vista económico. Despois está o tema das búsquedas. No mundo de Internet, que é unha cousa que medra cada día, se tes algo que te diferencia é máis doado que te atopen, e que aparezas antes nos buscadores.
"As empresas e entidades do sector das TIC entenden a importancia do dominio. Seguramente entenden elementos e factores que si lles temos que explicar a empresas doutros sectores"Tamén se sinalou a importancia do .gal para o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia e para as empresas TIC galegas. Percibides un interese especial nese ámbito?
As empresas e entidades do sector entenden a importancia do dominio. Seguramente entenden elementos e factores que si lles temos que explicar a empresas doutros sectores. Para moitas delas Internet é ademais o seu único escaparate, saben o que significa ter un dominio, un apelido en Internet, esa diferenciación. A visibilidade que achegará o puntogal tanto en Galicia coma nas comunidades galegas no exterior será unha grande axuda para o desenvolvemento de moitas empresas.
"Estar no escaparate e cunha referencia como é o .gal é fundamental dende o punto de vista comercial, económico e social"Ás portas do nacemento real do dominio, queredes destacar algo dende a asociación?
Simplemente cómpre salientar que estamos comezando, que isto irá cara adiante na medida en que todos e todas o apoiemos. E que temos que velo como unha oportunidade, unha oportunidade de consolidar algo nun mundo tan pouco palpable como é o de Internet, pero que hoxe en día move moitísimos fíos. É clave estar cada vez mellor posicionados en Internet. Estar no escaparate e cunha referencia como é o .gal é fundamental dende o punto de vista comercial, económico e social.
Ningún comentario:
Publicar un comentario