Ao longo destes 51 anos as persoas homenaxeadas nesta data caracterizáronse por seren autoras e autores cunha obra de calidade e un compromiso e achegas claros en defensa da nosa lingua e da nosa cultura fóra de toda dúbida, alén das súas posicións máis ou menos progresistas, máis ou menos conservadoras,máis ou menos relixiosas ou ateas.
Estes dous elementos: lingua e compromiso co país, fixeron do Día das Letras Galegas unha data de reinvindicación da nosa lingua e de festa para a nosa ampla literatura, capaz de unir todo o pobo galego nunha soa voz, sendo xunto co Día da Patria Galega o máis sinalado de Galiza.
As entidades asinantes, que traballamos día a día para a defensa, dignificación e normalización plena da nosa lingua e cultura en centros de ensino, vilas, cidades e todos os recunchos do país, queremos que o Día das Letras Galegas siga a ser a data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece.
Queremos que siga a manter o carácter integrador e de unión que sempre tivo, e que debera ser reforzado nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática como o que padecemos na actualidade.
Filgueira Valverde non pode unir ninguén. O seu papel destacado dentro da estrutura dun réxime como o franquista que perseguiu a lingua e cultura galega e as súas figuras máis relevantes, silenciándoas, exiliándoas ou facéndoas presas, fan del o contrario do que debe ser “exemplo á sociedade galega” e por iso só podemos considerar profundamente desafortunada a decisión tomada pola RAG
O xenio creador do pobo galego a través da súa lingua e a súa literatura, o seu exemplo cívico e de compromiso co país mesmo nas peores circunstancias, debe ser hoxe e sempre o homenaxeado o Día das Letras Galegas, e a el dedicaremos o 2015 como primeiro paso dunha camiñada conxunta e partillada con toda a cidadanía que pretendemos explorar a partir de setembro.
Comunicado conxunto das asociacións da cultura e lingua galegas
Ligazón para sinaturas de colectivos
Ligazón para sinaturas individuais
Asina e difunde o comunicado conxunto das asociacións da cultura e lingua galegas.
Ligazón para sinaturas de colectivos
Ligazón para sinaturas individuais
Ningún comentario:
Publicar un comentario