No verán pasado no Consello da Cultura Galega presentamos Leme,
unha app destinada a facer converxer as bases de datos xeolocalizadas
que xa tiña o CCG con outros potenciais recursos doutras entidades. De
aquela, a app estaba só presente para iOS, pero agora tamén a podes
descargar para Android. E hai outra novidade igual de importante: Leme
incorpora, canda os recursos do CCG, a base de datos de Turgalicia e a
de patrimoniogalego.net, reunindo un enorme corpus de elementos da
cultura e da natureza galega xeolocalizados. 17.000 elementos (aos que
en breve se lle engadirán case 1000 máis) supón dispor na túa
man do asistente tecnolóxico máis completo creado ata o momento para
explorar o patrimonio natural e cultural de Galicia.
Persoalmente, estou moi contento e orgulloso do traballo realizado por
todas as entidades, persoas que participaron, así como a responsable
tecnolóxica de desenvolvela, a empresa SIXTEMA.
Para que serve Leme? Pois desde xestores culturais que queren
localizar centros culturais de todo tipo (desde auditorios ata aulas)
ata afeccionados á arqueoloxía, o patrimonio e a etnografía, que teñen
unha ferramenta que sinala de forma precisa onde se atopan petróglifos,
castros, capelas abandonadas, pazos…aforrando valioso tempo para
localizalos nun rural cada vez máis baleiro de xente. Leme permíteche
explorar previamente a zona, para planificares as túas excursións. Por
exemplo, se te gustan os petróglifos, poderás aproveitar o inxente
traballo dos editores de patrimoniogalego.net para guiarte ata os
lugares e despois seguir, na web de catalogación, as súas explicacións
sobre o que vas ver.
As aplicacións invididuais de Leme teñen ademáis gran potencia. Podes
engadir sitios novos, completar os existentes, marcar os teus
preferidos, e almacenalos, sumar puntos…nunha sorte de malla social que
na vindeira versión terá aínda unha explotación maior.
Institucións e iniciativas cidadás teñen as portas abertas para
engadir o seu contido xeográfico a Leme a través dun procedemento
técnico bastante sinxelo, xenerando un interesante tráfico contextual
desde esta app cara as súas propias webs. Imaxinádevos a oficina de
turismo dun concello, a Fundación dun escritor, unha asociación de
recuperación de patrimonio etnográfico… Podedes escribir ao meu correo
para comentar o mellor xeito de facelo (director@culturagalega.org ou
magago@gmail.com).
Aquí podes descargar Leme para iOS e aquí para Android. Todo de balde. :-)
Ningún comentario:
Publicar un comentario