O
vindeiro martes ás 12:00 horas o Museo do Pobo Galego acollerá o acto de
presentación do Programa Pioneiros .gal a través do que, a partires do
vindeiro 25 de xullo, entrará en funcionamento a primeira serie de páxinas web
baixo o dominio .gal dentro dun proceso de pre-lanzamento no que deuse a
oportunidade a unhas noventa institucións públicas, empresas e entidades sen
ánimo de lucro de amosar o seu apoio pola lingua e a cultura galegas gozando de
xeito anticipado dun dominio de Internet baixo o sufixo .gal, que non estará
dispoñible para outras páxinas web até primeiros de decembro.
O Programa Pioneiros .gal cumpre
cunha dobre función: por unha banda as entidades que estrean dominio .gal poden
conseguir unha meirande visibilidade grazas a pertencer a un grupo selecto, que
destaca fronte ao resto de espazos na web; e por outra, temos que a sociedade
comeza a tomar consciencia da existencia do dominio .gal grazas ao seu uso por
parte de entidades representativas da nosa comunidade socio-lingüística.
As entidades que non tiveran a fortuna de acceder a este Programa, poderán
iniciar os trámites para facerse cun dominio .gal a mediados do mes de
setembro, cando botarán a andar as fases de Abrente e Carreira a través das que
será posible conseguir de xeito preferente un dominio .gal, evitando a súa
usurpación e podendo así facer uso do mesmo a primeiros do mes de decembro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario