A Mesa e a Asociación PuntoGal mantiveron unha reunión para explorar vías de colaboración que dean impulso ao novo dominio.
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2014. A
asociación en defensa da lingua e os promotores do dominio PuntoGal
mantiveron a pasada semana unha reunión na que formalizaron a solicitude
da Mesa para entrar no Programa Pioneiros do dominio .gal. Así, o novo enderezo web da asociación, www.amesa.gal, comezaría a funcionar o vindeiro 25 de xullo.
Nesta reunión ambas asociacións exploraron vías de
colaboración para difundir entre a sociedade galega o novo dominio .gal
que comezará a funcionar na súa fase de pioneiros este 25 de xullo, e
que a partir de setembro se abrirá ao conxunto da sociedade nas fases
Abrente, Carreira e finalmente en decembro na fase Aberta. (Máis
información nesta ligazón)
A Mesa, entidade adherida á Asociación PuntoGal
desde o seu nacemento, valorou o éxito da iniciativa e a importancia que
para a visibilización da lingua e da cultura galegas no mundo ten o
recoñecemento dun dominio propio para a internet.
Marcos Maceira destacou o traballo realizado pola
Asociación PuntoGal nestes anos e salientou, alén dos innegábeis
beneficios económicos e de cohesión social que o novo dominio suporá
para o país, a importancia que terá para o desenvolvemento do galego na
sociedade actual: “O dominio .gal é unha ferramenta imprescindíbel para
fomentar e visibilizar o uso do galego na rede”, sinalou o presidente da
Mesa, “un espazo que na sociedade do século XXI non lle pode ser alleo a
ningunha lingua que aspire á normalidade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario