A Consellería de Educación asinou varios convenios con varios grupos mediáticos para “potenciar o uso do idioma do galego”.
A Xunta segue destinando miles de euros para manter os grandes medios
de comunicación. Unhas veces son convenios publicitarios coas súas
consellerías, outros a través da Secretaría Xeral de Medios, outros a través do IGAPE e outros para que publiquen, cando menos, un 5% do seu contido en galego.
E, desta volta, é a Consellería de Educación a que
decidiu asinar varios convenios cos principais grupos mediáticos do país
precisamente para “potenciar o uso do idioma galego”. Unhas
subvencións que, pola contra, non reciben os medios en galego.
Así, no primeiro cuadrimestre do ano 2014, a Xunta destinou case 200.000 euros
para que grupos como Prensa Ibérica –Faro de Vigo e La Opinión de A
Coruña--, Editorial La Capital – El Ideal Gallego, Diario de Ferrol,
Diario de Bergantiños e Diario de Arousa--, Grupo El Progreso –AGN e El
Progreso-- ou a Agencia EFE, publiquen algo das súas informacións en
galego.
Neste ranquing de uso do galego é o Grupo El Progreso quen
máis recibe. Son 103.000 euros; 60.000 para El Progreso e 43.000 para
AGN. Este grupo mediático é o único que utiliza o galego, pero só na súa
páxina Web, non así no xornal en papel ou no seu servizo de noticias.
Pola súa banda, Faro de Vigo, que escasamente emprega o galego, percibe 40.000 euros, e o outro medio do grupo Prensa Ibérica, La Opinión de A Coruña, 30.000.
O Grupo La Capital, que acaba de impulsar un novo ERE nos seus tres medios, tamén recibe 8.220 euros, mentres que a Agencia EFE, 23.000.
Na relación que deu a coñecer a Consellería de Educación non figuran outros medios como La Voz de Galicia ou El Correo Gallego que soen tamén recibir cuantiosas axudas por usar mínimamente o galego a través doutros convenios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario