O grupo parlamentar de AGE criticou as cartas que o goberno galego está a remitir ás persoas que perciben a renda social e que abranguen requisitos non recollidos na lei vixente. Aliás, denuncian que se lles submeta a un maior control que "a calquera cargo público".
O deputado de AGE, Manuel Fajardo, deu a coñecer esta terza feira (29 de xullo) as cartas que a Xunta de Galiza está a remitir ás persoas perceptoras da Renda de inserción social galega (Risga). Nos documentos, o goberno galego obrigaas a "non exercer a prostitución nen a mendicidade", un feito que, denuncian, "non aparece [recollido] na lei en vigor" e constitúe, sinalou Fajardo, "unha obriga propia do século pasado".Segundo o parlamentar a actitude do goberno galego a respeito das persoas que reciben esta axuda económica reflicte un "nivel de control e seguimento moito maior" que o que se exerce "con calquera cargo público e político" cando as perceptoras da Risga reciben "amiúdo menos de 400 euros por unidade familiar".
Fajardo (AGE) criticou que @s utentes da Risga reciban un maior control "que calquera cargo público ou político"Neste senso, Manuel Fajardo fixo brincadeira en comparecencia de imprensa ao comparar as obrigas que se lle exixen a calquera representante público "cando toma posesión". A quen non se lle "recomenda", sinalou, "que non pasee con narcotraficantes, que non teña contas en Suíza ou que non quede con cartos públicos".
Así pois, reclamou á Xunta de Galiza que só exixa "aos perceptores da Risga os requisitos que figuran na propia norma e que se sintetizan nun itinerario de inserción socio-laboral".
Na súa comparecencia o parlamentar de AGE denunciou ademais que algúns concellos gobernados polo Partido Popular están a vulnerar os dereitos laborais d@s utentes da Risga ao seren contratad@s con "contratos lixo, que non cotizan e institucionalizan a opresión e a explotación". Nestes termos se referiu Fajardo á orde remitida pola Xunta que autoriza os gobernos locais a contratar perceptor@s desta axuda económica, por exemplo, nas brigadas forestais. "Repártese a miseria e véndese á moto aos explotados", subliñou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario