luns, 28 de xullo de 2014

As axudas Risga e de emerxencia social triplicáronse dende o inicio da crise

As bisbarras rozan os 300 beneficiarios »Lalín e A Estrada aglutinan o groso das pagas, xa que sufriron a maior destrución de postos de traballo dende o ano 2008.

Os municipios de Deza e Tabeirós-Montes contan con 285 veciños que perciben ou ben unha paga de Renda de Integración Social (Risga) ou unha Axuda de Emerxencia Social (AES). Non é unha cifra alarmante se temos en conta que en toda a provincia o número de beneficiarios ascende 5.685 persoas, pero eses case 300 residentes da zona son un exemplo de ata que punto a crise obriga as familias a recorrer a este tipo de prestacións. En 2008, coa recesión aínda en pendes, contabilizábanse só 89 perceptores destas axudas, de modo que nun lustro a cifra se multiplicou por 3.
Para obter unha Renda de Integración Social, a Xunta establece como condicións, ademais de carecer de recursos, o ser menores de 25 anos con fillos a cargo, ter máis de 18 anos e algún tipo de minusvalidez ou estar nunha situación de orfandade absoluta. Ademais destes requisitos, os solicitantes han de ter uns ingresos inferiores á contía da paga Risga que lle corresponda. A súa contía oscila entre os 364 e os 600 euros, en función do número de membros da unidade familiar. No caso da Axuda de Emerxencia Social, é unha retribución única ao ano e intenta cubrir gastos extraordinarios.
É obvio que as dúas cabeceiras comarcais concentran o groso de beneficiarios, tanto porque acumulan máis poboación coma porque sufriron en maior medida o peche de empresas e a destrución de postos de emprego, o que abocó a moitas familias a entrar en risco de exclusión social. Deste modo en Lalín, ao inicio da crise, contábanse 14 perceptores dunha paga Risga e outros 21 de Axudas de Emerxencia Social. Pois ben, a finais de 2013 a cifra era, respectivamente, de 89 e 52. A tendencia é similar na Estrada, que pasa de 19 a 69 receptores dunha paga Risga e de 13 a 41 de AES.
O argumento da poboación e a actividade económica que se esgrime para Lalín e A Estrada non serve para os demais municipios. Agolada, que na última década perdeu case 1.000 habitantes -agora suma 2.745- presenta un volume similar ao de Silleda en canto a axudas sociais, malia que esta ten unha poboación de 9.037 persoas. Así, no municipio agoladense perciben unha paga Risga 9 persoas (unha máis que ao inicio da crise) e se concedeu unha axuda de emerxencia social a un veciño (en 2008 foron dous). Son, en total, 10 veciños que contan cun plus económico para facer fronte ás súas necesidades, fronte ás 12 de Trasdeza. Hai que indicar que Silleda tamén incrementa de forma notable os seus beneficiarios de Risga, que pasan de 3 ao inicio da crise aos 11 actuais.
A cifra tamén aumenta en Forcarei, con 14 perceptores (10 de Risga e 4 de AES), que en 2008 quedaban en 4. Tamén teñen 10 beneficiarios, igual que Agolada, os municipios de Vila de Cruces e Cerdedo, malia que o padrón do primeiro é de 5.934 mentres que o de Cerdedo é de 1.865, case a terceira parte.
Por último, Rodeiro e Dozón mostran os mellores resultados á hora de falar destas prestacións. O ano pasado o municipio cambote tramitou só unha axuda de emerxencia social, mentres que dende Dozón se autorizaron dúas pagas Risga para outros tantos veciños. En 2008, pedíronse unha Risga dende o Concello de Rodeiro e outra dende o de Dozón.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario