Unha
delegación da Mesa pola Normalización manterá unha reunión esta segunda
feira co Comité de expertos que avalía o cumprimento do Convenio Marco de protección das minorías nacionais do Consello de Europa
Marcos Maceira: “Europa e o mundo teñen que coñecer os retrocesos en dereitos lingüísticos do quinquenio negro de Feixó”
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2014.- Unha
delegación composta polo presidente da Mesa, Marcos Maceira, e polo
membro da permanente da asociación, Paulo Filgueiras, reunirase esta
segunda feira (luns) 7 de xullo en Madrid co Comité de expertos do
Consello de Europa para o Convenio Marco para a protección das minorías nacionais.
Nesta xuntanza A Mesa exporá os continuos
incumprimentos en materia de dereitos lingüísiticos que poñen mesmo en
cuestión a oficilialidade real da lingua galega por parte da Xunta e do
Estado. Este Convenio Marco para a protección de minorías nacionais
promovido polo Consello de Europa e ratificado polo Estado Español
inclúe expresamente no seu articulado o dereito de aprender a lingua
propia e o respecto pola toponimía na lingua propia, polo que serán dous
dos puntos nos que A Mesa centrará o seu relatorio.
Deste xeito, A Mesa informará ao Consello de Europa
sobre a situación do galego na educación infantil á luz dos datos do
último estudo elaborado pola entidade en defensa da lingua que mostran
como o galego está a desaparecer desta etapa educativa.
Así mesmo, a asociación en defensa da lingua
informará ao Consello de como nos últimos anos se multiplicaron as
queixas que reciben pola deturpación da toponimia galega por parte da
Administración (desde o Ministerio de Agricultura á Axencia de Turismo
da Xunta, pasando polo Concello da Coruña) e das empresas públicas (como
Renfe ou TVE) ou mesmo universidades estatais como a UNED, unha
cuestión que parecía estar superada. A Mesa denuncia que este revival de
deturpación da nosa toponimia está motivado e impulsado ideoloxicamente
desde o propio Goberno, que se nega a aceptar a diversidade lingüística
e cultural do Estado renegando da lexislación e os consensos
democráticos acadados entre todas e todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario