Un curso de verán pretende coñecer e analizar condicionantes que rompen ou dificultan a transmisión interxeracional da lingua, avaliar experiencias e debater, propor e consensuar medidas de intervención que melloren a transmisión do galego.
“Que podemos e debemos facer para lles transmitirmos o galego ás
xeracións máis novas?”. Esta é a gran pregunta que tentarán respostar
diversos especialistas nun curso de verán organizado pola Universidade da Coruña e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) en Carballo.
Cales son os factores determinantes para a transmisión interxeracional
dunha lingua; canto, cando e como se dá a ruptura da transmisión do
galego; ás nosas fillas e fillos transmitímoslles o galego, mais...Son
algunhas das cuestións que abordará este seminario no que participarán
expertos, nais e pais, traballadoras de normalización, docentes ou xente
do ámbito asociativo.
Os obxectivos principais desta acción son,s egundo apunta a CTNL nun comunicado, coñecer e analizar condicionantes que dificultan ou rompen a transmisión interxeracional da
lingua galega; avaliar experiencias de intervención desenvolvidas e
debater, propor e consensuar medidas de intervención práctica que
melloren a transmisión da lingua ás xeracións máis novas.
Análises e propostas
Ao longo dos tres días participarán persoas expertas na temática do ámbito do galego, do catalán ou do éuscaro.
O primeiro día, o mércores 9 de xullo, da conferencia inaugural
encargarase o catedrático de Sociolingüística da Universitat d’Alacant
Brauli Montoya, que falará sobre a contextualización e factores
determinantes para a transmisión interxeracional da lingua. Despois
intervirán o sociolingüista da Real Academia Galega (RAG) Xaquín Loredo e
a profesora, sociolingüista e coordinadora xeral da CGENDL, Valentina
Formoso. Noutra mesa intervirán Neves Arza, profesora da Universidade
da Coruña; Dolores Oubiña, directora da escola infantil A Pastora de
Cambados; Ana Abelenda, educadora da Galiña Azul da Laracha; e Rita
Iglesias, directora da escola infantil Raiola de Santiago.
No segundo día, o xoves 10, Marta Besada, ex-técnica de normalización
lingüística do Concello de Santiago de Compostela, e Adela Pita, técnica
de normalización lingüística do Concello de Narón, explicarán e
avaliarán intervencións levadas a cabo desde os seus concellos . O
profesor e dinamizador Luís Prego presentará o obradoiro Prende no colo,
para o fomento do galego a partir de xogos de dedos, cantigas,
recitados..., e a dinamizadora Ruth Caramés fará o propio cun obradoiro
para o coñecemento e manexo de materiais en galego para escolas
infantís.
Ese día, despois dunha visita das persoas participantes ao espazo
natural Razo-Baldaio, con xantar na zona, o curso continuará coa
presentación dunha proposta de intervención para fomentar e mellorar a
transmisión interxeracional do galego, que farán Conchi Cochón, do
Concello de Pontevedra; Nel Vidal, do Concello de Carballo; Soco García,
do Concello de Santiago de Compostela; e Rosa Moreiras, do Concello de
Ames, e que será analizada e debatida a través de grupos de traballo,
para mellorala e consensuala entre todas e todos, coa idea de poñela
despois en práctica desde diversos concellos do país.
E xa o último día, o venres 9 de xullo, a sociolingüista da
Universidade Pública de Navarra, Paula Kasares, explicará que si hai
camiños para mellorar a transmisión interxeracional da lingua. A
continuación o cantor Xabier Díaz presentará e explicará o seu obradoiro
de cantos de berce para nais, pais e formadores/as e da conferencia de
clausura encargarase a profesora da Universidade da Coruña e presidenta
de Nova Escola Galega, Mariló Candedo.
Prezos para todos e todas
Os prezos de participación neste curso son de 30 € para estudantado, persoas desempregadas, membros da UDC e socios/as da CTNL,
e de 50 € para o resto, e este prezo, ademais do curso, inclúe os
xantares do mércores e xoves, e os cafés de media mañá dos tres días.
Ademais, hai unha oferta de hospedaxe en Carballo para participantes no
curso que vai desde os 20 € / día en cuarto individual e con almorzo
incluído. Polo tanto, unha persoa de fóra de Carballo pode participar
quedando a durmir na vila desde os 70 € durante todo o curso, e con
cuarto, almorzo, xantar e todas as actividades formativas incluídas.
Máis información e programa completo en:
Web da CTNL: http://ctnl.org/web/notic.php?ide=1166
Web do SNL da UdC: http://www.udc.es/snl/X_curso_veran.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario