A súa alteza real dona Elena María Isabel Dominica de Silos,
infanta de España, duquesa de Lugo, e a máis incorrupta das dúas fillas
do rei cesante, tivo que tomar esta semana unha dolorosa decisión:
encerrar a Froilán de Todos los Santos nun internado de
curas por Sigüenza, onde a estatua do doncel. Non se me ocorre castigo
máis visigótico para un adolescente. É o que ten levar título de
cabaleiro divisero, nova excelencia.
Dóeme desvelar a razón deste cruel encerro, mais non é outra que a escasa aplicación do quinceañero Borbón aos estudos. Froilán xa repetiu un curso da ESO e, como non esperte, xamais vai chegar a ser como Napoleón, como o seu tío El Preparao, ou como Pablo Iglesias.
En ascuas está o pobo español ante a perspectiva, non tan irreal, de
chegar a coroar un rei que non ten nin a ESO Que deslustre para a
inmarcesible marca España.
Dicir,
en descargo do rapaz, que non tivo unha infancia doada nin exenta de
tribulacións. Superando os máis desventurados orfos de Dickens, Froilán naceu fillo, sobriño e neto de familias desestruturadas ou algo excéntricos. O seu pai vestía como Beau Brummel
e montaba en patinete. A súa nai abandonábao coa escusa de inaugurar
hospitais baratos para os pobres. O seu avó asasinaba os máis belos
elefantes, a avoa non paraba de cantaruxar a Baremboim,
e os tiítos deambulaban constantemente polas leas de corrupción dos
telexornais. Ao final, como todo o mundo sabe, o pobre Froilán pegouse
un tiro no pé. Eu tería feito o mesmo. Vaia familia. Como non vai cargar
todo?
Felipe Juan Froilán de Todos los Santos de Marichalar e Borbón
é, como tantos outros menores, cuarto na liña de sucesión ao trono
español e vítima dunhas circunstancias familiares moi escabrosas. Eu
propoño rescatalo da súa estraña familia e dos seus eximios e
incompetentes profesores, e mandalo a estudar a pública. Veredes,
altezas do pobo, como mellora.
Digo
isto así, demagogeando, porque o fracaso escolar de Froilán me parece
sólida evidencia de que o ensino privado é peor e máis caro que a
pública. Se os profesores privados máis doutos e caros de España non son
capaces de educar un futuro rei de quince anos, quizais haxa que
reformular a eficacia do ensino privado en xeral, deixar de
subvencionárselle co público, e arrebatar das ignaras fauces sacerdotais
aos pequenos estudantes hijosdalgo.
Porque,
analizando os últimos sucesos, un propende a pensar que a educación
borbónica e eclesial que están a recibir nenos desvalidos como Froilán
pode resumirse nunha soa frase de Maquiavelo: "Se a
forza principal, sexa o pobo, o exército ou a nobreza, que vos parece
máis útil e conveniente, para a conservación da vosa dignidade está
corrompida, debedes rirlle as grazas e desculpala. A honradez e a
virtude, nestes casos, son perniciosas.
O pobre rapaz converteuse noutro problema de Estado. En Pazo están
que trinan. En pleno vórtice da abdicación, a coroación, as
manifestacións, os votos republicanos, as cargas policiais, a visita ao
Papa, e o da Cristinita, vai o gandulo de Froilán e carga todo. Se é que, dun tempo a esta parte, todo é desgracia en Borbonia.
A pesar das súas coitas, eu creo que Froilán é hoxe o único Borbón do
que non desconfían, e ao que máis aprecian, os españois. A golpe de trending topic, foise forxando un carisma que seduce mesmo os republicanos e os anarquistas. Sobre todo aos anarquistas.
En resumo, que parece ata un rapaz normal, e os españois estamos a
consentir que o corrompan entre ritos católico-castrenses e armas de
fogo que non traen máis que desgracias, como a do pé. Eu creo que a
Marea Verde debería mobilizarse por unha educación pública, gratuíta e
digna para Froilán de Todos los Santos. Cada día merécea máis, o rapaz. A
pesar das notas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario