Rivas: "Non me gusta o pasado franquista de Filgueira. Ten valores culturais, unha creación importante como polígrafo, pero defendería outra posición"Este luns o propio Manuel Rivas, académico, sinalou entrevistado pola Cadena Ser que "non me gusta o pasado franquista de Filgueira. Ten valores culturais, unha creación importante como polígrafo, pero defendería outra posición". Rivas, que enviou o seu voto por correo, revelou que apoiara a Manuel María. Tamén Fran Alonso, a través de twitter, afirmou: "A peor elección posible. Un país que non sabe ollar cara o futuro!".
Bernardo Máiz: "Optaron coa súa escolla polo bilingüismo filarmónico que prexudica á lingua galega e pola erudición sobre o compromiso"Tamén o historiador ferrolán Bernardo Máiz, un dos principais impulsores da candidatura de Carvalho Calero, expresou as súas críticas a través dunha carta. Máiz escribe que "lamento confirmar o que viña sospeitando: hoxe sei de certo que na cultura institucional galega hai ducia e media de persoas que están presentes na dirección de (case) todas e cada unha das entidades, fundacións, consellos, editoriais, academias oficiais e paraoficiais galegas e que actúan como mandarines/caciques/... controlando, dispoñendo, monopolizando, elevando a uns, ignorando a outros, mirándose o embigo e o propio cursus honorum". Máiz engade que "algunhas desas persoas son as que, escollendo sobre don Ricardo Carvalho Calero para as Letras Galegas 2015 ao José Filgueira Valverde (depurador, alcalde franquista, conselleiro con Manuel Fraga e, si, “ilustre polígrafo”), optaron coa súa escolla polo bilingüismo filarmónico que prexudica á lingua galega e pola erudición sobre o compromiso. Acríticos e compracentes co poder, varios deles serviron nestes días como“palmeros” dun presidente Núñez Feijoo cando, con absoluto descaro, ousou manipular a Castelao e manifestarse o seu herdeiro. Danme noxo".
Tamén os Comités rexeitaron publicamente "a decisión da Real Academia Galega, que mostra a súa cara máis conservadora e o seu servilismo á Xunta de Galiza, co engadido de contribuír a darlle pulos ao xa crecente fascismo". O sindicato estudantil engade a súa "repulsa xeneralizada" pola elección "dunha persoa fortemente ligada ao réxime franquista".
Moi distinta é a reacción da Xunta de Galicia, que se "congratulou pola decisión", destacando a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria "o labor de Filgueira Valverde como promotor e participe de moitas das máis destacadas institucións culturais da nosa terra". De igual xeito, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, contestou as críticas que dende o mesmo sábado espertou a decisión da RAG, afirmando que "o obxectivo das Letras Galegas non é entrar a valorar a traxectoria política de ninguén" e concluíndo que "non hai discusión posible" sobre Filgueira Valverde, un "piar básico" da cultura galega.
"Un chanzo máis" no "proceso de desconexión e alleamento"
"A RAG desbalde, dun golpe, ese cívico patrimonio e racha a súa maltreita ligazón coa sociedade"Moi comentada e compartida nas redes sociais foi a publicación do xornalista Fran Pérez Lorenzo, que no seu blog escribiu que "dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2015 a José Fernando Filgueira Valverde -O Escuro Mediador, así me gusta chamarlle-" supón "un chanzo máis" no "proceso de desconexión e alleamento" da RAG. Pérez Lorenzo sinala que "outorgándolle o Día das Letras Galegas, que é de todas e todos, a Filgueira Valverde -un meritorio erudito, desde logo, sombrizo colaborador do fascismo desde 1936, figurante de excepción da oficialidade franquista e da pax fraguiana posterior- a RAG desbalde, dun golpe, ese cívico patrimonio e racha a súa maltreita ligazón coa sociedade".
O xornalista sinala que "unha das virtudes de sumar a Filgueira á estadea do 17 de maio é que o discurso subsidiario do pontevedrés non vai ter que ser reelaborado nin deturpado pola brigada de demolición semántica e simbólica de Núñez Feijóo. Non hai fendas no ideolóxico entre un e outro. Filgueira cadra ben con Franco, con Albor, con Fraga, co Ano Franciscano, co Apóstolo, con Galicia Bilingüe e co boato de todas as institucións ás que pertenceu, as mesmas que en 2015 encherán os seus aveludados salóns de señores provectos e solemnísimos".
"Nós, as laicas e laicos da cultura, temos unha lingua e unha literatura afeita a resistir extramuros da casa de Tabernas. E ao final aínda lle habemos de agradecer á Real Academia Galega esta oportunidade de desmontar a Filgueira"Engade que "en parte o problema estaba en nós, nos de a pé, por crer, ou mesmo arelar, que a Academia fose quen de valernos dunha maneira que non pode ou non sabe" e que "a cultura galega non precisa xa fastos, nin burócratas de la cosa del gallego. Si accións colectivas, integradoras, entusiasmo, imaxinación, menos elitismo, menos endogamia, menos grisura e moitísimo menos patriarcado". "Eles, a Xunta e a RAG, teñen a Filgueira para sacalo en procesión. Óptimo. Que lles aproveite a misa. Que as campás repiquen por Filgueira e o seu franquismo reciclado. Nós, as laicas e laicos da cultura, temos unha lingua e unha literatura afeita a resistir extramuros da casa de Tabernas. E ao final aínda lle habemos de agradecer á Real Academia Galega esta oportunidade de desmontar a Filgueira, ou de saltar con elegancia e sen dramatismo por riba del e, xa de paso, co impulso, poñernos a pensar por nós mesmas e por nós mesmos no que queremos facer", conclúe.
De igual xeito, a tamén xornalista Montse Dopico, que este luns publicou no Magazine Cultural Galego unha peza dedicada a Xela Arias (Xela Arias: a palabra que estoura), sinalou que "me sumo ás voces que pediron un día das letras alternativo. Non contra a Academia, senón sen agardar por ela. Xa se fixo máis veces: só hai que lembrar por exemplo o traballo de Artábria e outros colectivos con Carvalho Calero. Para o Magazine Cultural Galego, 2015 vai ser o ano de Xela Arias".
Ningún comentario:
Publicar un comentario