A
Deputación de Pontevedra e o Concello do Grove patrocinan a deturpación
da nosa toponimia, promocionando o concurso “Isla de la Toja”.
O Sergas mantén a forma castrapizada “Conjo” nas portas do Hospital Psiquiátrico compostelán.
Máis
de trinta anos despois de que a Lei de normalización lingüística
recoñecese que a única forma oficial e correcta de denominar os nosos
nomes de lugar é a orixinal, isto é, a galega, e que esa debe ser, a
todos os efectos, a única forma de rotulalos, A Mesa continúa a recibir
queixas pola deturpación da nosa toponimia.
A asociación en defensa do idioma denuncia que en moitas ocasións son as propias administracións as que non respectan esta parte do noso patrimonio cultural, ou as que toleran a súa deturpación, como demostran dous casos denunciados esta mesma semana: La Toja e Conjo.
A Deputación de Pontevedra e o Concello do Grove
patrocinan o VI Concurso nacional Canino “Isla de la Toja” (sic), cuxa
cartelaría está a ser difundida con esta denominación deturpada co apoio
económico destas institucións.
Neste sentido, desde A Mesa pediron que se cambie a
denominación do concurso á súa forma correcta, Illa da Toxa, e se
substitúa esta cartelaría que con cartos de todas e todos agrede a nosa
lingua.
Marcos Maceira salientou que “o diñeiro das galegas
e galegos non se pode utilizar para financiar agresións ao noso
patrimonio”, indicando que non é de recibo que as administracións
públicas financien actividades e cartelería que non respectan a
lexislación. “A Deputación de Pontevedra non pode patrocinar con fondos
públicos o desprezo cara á nosa lingua e a lexislación que a protexe”
afirmou Maceira.
Por outra banda, A Mesa denunciou que a propia
Xunta, que ten a responsabilidade legal e moral de defender o patrimonio
toponímico de Galiza, manteña a forma castrapizada “Conjo” nas portas
do Hospital Psiquiátrico compostelán, dependente do Sergas.
A Mesa dirixiuse a estas institucións
solicitándolles a inmediata corrección destas deturpacións, ao tempo que
presentou as pertinentes reclamacións perante o Valedor do Pobo e a
Secretaría Xeral de Política Lingüística para que interveñan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario