Chámase Patricia Martínez, e é de Mondoñedo. Estes días
todos os medios falan ou escriben acerca dela por ser a mellor nota nos
exames da selectividade de Galicia. Nin máis nin menos que un 9,96. A
súa celebridade non lle vén por estar imputada por prevaricación,
suborno ou falsidade documental. Nin por recibir sobres de empresas
ansiosas por que se lles asignen concesións.
É
famosa por ser un exemplo para todos os novos estudantes galegos. Polo
seu esforzo, constancia, traballo e dedicación. Na cidade episcopal
poden estar orgullosos dela. Demostrou a todos os rapaces da súa idade
que se pode render nos estudos sen que iso vaia en detrimento de saír e
gozar da vida. E ademais das súas excelencias académicas demostra unhas
doses inxentes de sentido común.
O que lle falta aos nosos políticos. Defende o
ensino público, a pesar de que critica a falta de medios desta. Todo iso
nuns días en que nos decatamos de que Galicia se encontra na cabeza no
que respecta a recortes de emprego en educación, só detrás de Andalucía e
Murcia.
Entre os anos 2010 e 2014 moitos docentes non
universitarios sufriron en Galicia os efectos da tesoirada xeral. Non se
esquezan en Educación que hai alumnos non tan brillantes como Patricia
para os cales toda axuda é pouca.
Ignacio Bermúdez de Castro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario