AGE e BNG piden a dimisión do conselleiro de Educación e a CIG pídelle a Xunta que recupere as subvencións. Os centros afectados din que coa LONCE esta sentenza non lles afecta.
“Clasista”, “decimononica”, “liquidadora”... Son algúns dos adxectivos que utilizaron os grupos da oposición para atacar o sistema educativo da Xunta logo da sentenza do Tribunal Supremo
que declara nula a orde da Consellería de Educación do 26 de agosto de
2009 relativa á concesión de axudas a cinco centros docentes privados e anula o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que confirmara a súa validez.
Así, O PSdeG considera que esta sentenza, que anula os
concertos educativos da Xunta que segregan a alumnos por sexo, mostran a
política "clasista" da Xunta en materia de educación. O seu portavoz
parlamentario indicou que o fallo do Supremo "restablece a legalidade
conculcada polo Goberno galego" na súa xestión "reaccionaria e clasista
que está a esnaquizar a educación pública".
Nun comunicado, o portavoz parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu,
sinala que agora a Xunta debería "traballar en favor da integración dos
estudantes e non de mecanismos de segregación por orixe social, xénero
ou calquera outro motivo".
No mesmo sentido, Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron,
considera que a nova sentenza supón un novo revés xudicial contra as
políticas do PP “liquidadoras do ensino público e laico”. Por iso,
esixen a dimisión do conselleiro de Educación pola sucesión de reveses
xudiciais “que tomban o eixo da acción ultra reaccionaria do seu
departamento”.
“Este señor non pode continuar nin un minuto máis á fronte da
consellaría. Todas e cada unha das principais medidas que adoptou son
cuestionadas unha vez e outra polos tribunais”, denunciou Ron, “polo que
ao carácter ultra conservador da súa política hai que engadir a súa
incompetencia”.
Tamén o BNG pediu a dimisión de Jesús Vázquez . A deputada Carme Adán
afirmou que esta resolución "confirma que a medida era contraria á
legalidade" e demanda nun comunicado facer efectivo o fallo no próximo
curso.
Para a formación nacionalista galega, a política educativa do Goberno
autonómico, presidido por Alberto Núñez Feijóo, responde a "unha
estratexia continua de recorte do ensino público en favor da privada", o
que se traduce na perda de recursos para os centros e redución de
emprego, cunha taxa de reposición mínima e a perda de 1.300 profesores
nos últimos anos.
Devolución das subvencións
Pola súa banda, o sindicato CIG, que foi quen recorreu
ao TS, dí que é "lóxico" que a Xunta pida a devolución das subvencións e
lembra que os colexios privados Peñarredonda, Montespiño, Aloya, As
Acacias e Montecastelo están vinculados ao Opus Dei, unha institución
católica ediscriminaban por razóns de xénero.
“O lóxico e normal sería que a Consellería esixise a devolución das
cantidades coas que se subvencionou irregularmente aos devanditos
centros”, apunta este sindicato.
“Non nos afecta”
Con todo, o grupo Fomento de Centros de Enseñanza, ao que pertencen estes colexios privados considera que a sentenza non lles afecta baixo o actual marco normativo.
Nun comunicado, lembra que a LOMCE garante que os colexios de educación
diferenciada por sexo poidan estar concertados e incide en que a
sentenza do TS afecta o período 2009-2013 e aplica a lexislación
anterior, LÓEA, de 2006. “Ao cambiar a lexislación, o fallo do alto
tribunal non ten efectos sobre os concertos actuais", sinala.
Ningún comentario:
Publicar un comentario