A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria publica hoxe a resolución definitiva da convocatoria para a posta
en marcha do novo proxecto de plataforma de contidos curriculares educativos
dixitais en 30 centros educativos da provincia da Coruña, un total de 84 en
toda Galicia. En total recibíronse 90 solicitudes de toda Galicia, nunha
convocatoria que foi un éxito entre os centros públicos, que representan o 90%
dos proxectos presentados.
O número de centros e estudantes participantes neste
primeiro ano de implantación do proxecto supera amplamente a previsión inicial.
Non en balde, estímase que a
iniciativa chegará xa este vindeiro ano académico a 3.500 alumnas e alumnos de
5º de Primaria, fronte aos 2.500 previstos nun primeiro momento. O
obxectivo é que este proxecto chegue a 22.500 alumnas e alumnos no período
2014-2017. Nesta plataforma as familias participantes no proxecto poderán ter
os contidos curriculares dos seus fillos totalmente de balde.
Os centros admitidos da provincia da Coruña son os CEIP
Plurilingüe San Marcos (Abegondo), A Maía (Ames), Sanjurjo de Carricarte (A
Coruña), Raquel Camacho (A Coruña), Isaac Peral (Ferrol), Couceiro Freijomil
(Pontedeume), de Prácticas López Ferreiro(Santiago de Compostela), Mestre
Rodríguez Xixirei (Santiago de Compostela), da Ramallosa (Teo), Mosteiro de
Caaveiro (A Capela), A Cristina (Carballo), de Zalaeta (A Coruña), Plurilingüe
San Xoán de Filgueira (Ferrol), Galán (Arteixo), Labarta Pose(Zas), Os Muíños
(Muxía), Plurilingüe de Andrade (Pontedeume), e Plurilingüe O Mosteirón(Sada).
Dos CPI, foron admitidos o Plurilingüe Antonio Orza Couto (Boqueixón), o
Plurilingüe O Cruce (Cerceda), A Picota (Mazaricos), Virxe da Cela (Monfero), o
Plurilingüe dos Dices (Rois), e o de Atios (Valdoviño). Así mesmo, figuran na
relación os CEP Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra, ambos da Pobra do
Caramiñal; e os CPR Plurilingüe Compañía de María (A Coruña), Plurilingüe la
Grande Obra de Atocha (A Coruña), San José (Pontedeume) e Divino Maestro
(Santiago de Compostela).
A esta primeira convocatoria puideron presentarse os centros
educativos adscritos á rede Abalar que impartan no curso 2014/2015 ensinanzas
de 5º de Educación Primaria; e que cumpran requisitos como contar cunha conexión
de datos cunha velocidade nominal mínima de baixada (que variará segundo o
número de aulas vinculadas ao proxecto, dos 2 Mbps aos 10 Mbps), presentar un
proxecto para a implantación do libro dixital ou propoñer unha persoa
coordinadora do proxecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario