A profesora Isabel Neira conclúe do seu traballo no Informe PISA 'Finanzas para la vida' que “a cultura é tamén produtiva en termos económicos e non só sociais”.
Mellorar a cultura da que dispoñen as familias e a súa implicación nos
colexios redundaría nun aumento das notas do estudantado en probas como
as de PISA. A esta conclusión chegou a profesora da USC e presidenta da
Asociación de Economía da Educación, Isabel Neira, que este ano
colaborou no Informe PISA Finanzas para la vida 2012. “Maior
cultura implica maior rendemento e por tanto maior éxito escolar, que
derivará en profesionais más produtivos que retornarán en maior medida
esas inversións culturais”, asegura.
Os resultados do informe preséntanse este mércores en Madrid no marco
dun congreso que se pode seguir en strreaming que organiza o Ministerio
de Educación, Cultura e Deporte a través do Instituto Nacional de
Avaliación Educativa (INEE) e do Centro Nacional de Innovación e
Investigación Educativa (CNIIE).
“A mensaxe é clara –sentencia a profesora–: a cultura é tamén produtiva en termos económicos e non só sociais”.
Se as familias con maiores posesións culturais exercen un papel
positivo na educación, a solución pasaría por favorecer este aspecto
para así contribuír “ao tan soñado cambio de modelo produtivo da
economía”, afirma.
A través dos resultados obtidos polo alumnado nas probas do PISA
financeiro constátase que ademais do nivel educativo e económico dos
pais e nais, o estudantado que pertence a familias que teñen
libros de literatura, poesía ou obras de arte en casa obteñen mellores
resultados académicos, sendo maior o efecto desas inversións
culturais nos colexios de baixo rendemento. “Este sería –matiza Neira–
un elemento a traballar para conseguir mellorar a igualdade social,
debido a que lograr valorizar a cultura nas familias con menores
posesións culturais aumenta os resultados académicos deste alumnado e
permitiría así unha maior cohesión social”.
Pero é que tamén se demostra que os colexios inflúen no rendemento
medio do seu alumnado, que será maior canto maior sexa o nivel de
implicación e participación das familias. Do mesmo xeito, os
colexios que ofrecen música, teatro ou actividades de voluntariado
exercen un efecto positivo nos resultados de PISA de todo o alumnado,
independentemente da familia á que pertenzan, igual que sucede con
aqueles centros nos que os pais e nais se comunican cos profesores ou
participan nas actividades.
Variables importantes
Para a investigadora é importante subliñar o contexto que condiciona o
rendemento académico dos escolares e que depende do capital económico,
humano, social e cultural de maneira que as familias con menos recursos
monetarios terán máis dificultades para costear os gastos asociados á
educación dos seus fillos (material escolar, transporte, actividades
extraescolares ou recursos educativos e culturais no fogar), polo que se
restrinxirán as posibilidades de avanzar academicamente. Por outro
lado, os contornos familiar e escolar están intimamente
interrelacionados xa que o estatus socioeconómico da familia condiciona o
barrio no que vive e por tanto o centro ao que asiste o escolar.
Competencia financeira
PISA Finanzas para la vida 2012 é o primeiro estudo a grande escala que
avalía no ámbito internacional a competencia financeira dos estudantes
de 15 anos. Os Informes PISA son responsabilidade da OCDE e permiten
coñecer os coñecementos e competencias do alumnado, a súa actitude e
predisposición cara á aprendizaxe e os contextos persoais, familiares e
escolares nos que se sitúan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario