Ademais de contrastar coa percepción xeral de equipos de normalización lingüística, de grupos de defensa da lingua ou da propia oposición dar por boa esta afirmación implica que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo vén dicir que foi quen de darlle a volta á situación do galego no ensino en apenas media década. Como informou Praza Pública a Secretaría Xeral de Política Lingüística admitiu en 2012 que, no retorno do PP ao poder no ano 2009, a propia Consellería detectou que a situación do galego era "moi desfavorable" no conxunto do sistema educativo. Así, tras anos axitando a teoría da imposición admitía daquela que o seu mandato "partiu dunha situación de uso minoritario do galego polo alumnado na xeralidade dos centros", que no caso das cidades "podería dicir" que é "escaso".
Educación admitiu que a situación do galego era "moi desfavorable" en 2009 e agora ofrece cifras que indican que é maioritarioPero nada disto acontece xa, segundo o conselleiro Vázquez. Nunha irada resposta á nacionalista Ana Pontón o titular de Educación accedeu a "explicar os resultados" tras "catro cursos" nos que, afirma, o Goberno "eliminou a presión que [o bipartito] exercía sobre os rapaces, as familias, o profesorado e os inspectores" porque "querían un sistema monolingüe". Sempre segundo Vázquez, cuxo departamento non difundiu documentación ningunha ao respecto, "en educación primaria o peso das materias en galego é de case o 51%, unha porcentaxe que é do 47,4% na ESO e do 50,4% en Bacharelato".
O conselleiro detívose especialmente no ensino infantil para rebater os datos d'A Mesa, colectivo que ao seu xuízo non é máis ca "un instrumento" do BNG "para atacar a opinión maioritaria do pobo galego". "Lonxe do que o seu aparato está a dicir para tratar de confundir", acusou, "o dato correspondente ao ensino de infantil nas cidades galegas", categoría na que inclúe as poboacións de máis de 50.000 habitantes, "acada o 10,4%". "Se me vou ao rural curiosamente as aulas de galego" chegan ao 90,6% en infantil, porque "no rural se fala galego", sentencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario