A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra acorda dirixirse á Xunta de Galiza para esixir a volta ao consenso representado polo Plan Xeral de Normalización Lingüística e a adopción das medidas de promoción da Lingua Galega recollidas no devandito Plan Xeral.
30 de xuño de 2014.- Tras a reunión
mantida a pasada semana entre o concelleiro de Normalización
Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez, a concelleira de Cultura,
Anxos Riveiro e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística,
Marcos Maceira, para abordar o resultado do último estudo presentado
pola Mesa no que se concluía que só o 2,42% dos centros de infantil das
cidades declaran impartiren marioritariamente aulas en galego e na que
se anunciaba que A Mesa e o Concello de Pontevedra colaborarían de cara
ao vindeiro curso escolar para tentar reverter a situación do ensino
infantil na cidade, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou
na mañá de hoxe a seguinte Declaración:
"A
Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra manifesta a súa preocupación
pola situación na que se atopa a lingua galega no noso sistema
educativo. A preocupante imaxe que se reflicte no recente estudo da Mesa
pola Normalización Lingüística a respecto da do galego na etapa de
Educación Infantil das cidades de Galiza só é unha mostra do que
acontece no resto do sistema educativo.
As
causas desta perda de presenza do noso idioma no ensino son múltiplas,
tal e como aparece no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que
recolle o consenso da sociedade galega a respecto de como actuar para
facer normal a presenza do galego en todos os ámbitos da vida do país, o
que se puxo de manifesto na súa aprobación por unanimidade no
Parlamento de Galiza.
Xa
que logo, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra acorda dirixirse
á Xunta de Galiza para esixir a volta ao consenso representado polo
Plan Xeral de Normalización Lingüística e a adopción das medidas de
promoción da Lingua Galega recollidas no devandito Plan Xeral."
Ningún comentario:
Publicar un comentario