mércores, 9 de xullo de 2014

A Mesa chama a organizar alternativas cívicas para o Día das Letras de 2015


A asociación reitera o seu rexeitamento a homenaxear a quen colaborou cun réxime caracterizado por perseguir a nosa lingua e cultura e represaliar a quen a defendía

A Mesa fai un chamamento a participar na reunión aberta que en réxime de autoconvocatoria terá lugar esta quinta feira, 10 de xullo, ás 18.30 horas na Libraría Couceiro para abordar propostas de cara ao Día das Letras de 2015




Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2014.-  Nunha rolda de imprensa celebrada esta mañá en Santiago, A Mesa pola Normalización Lingüística volveu amosar o seu rexeitamento á designación de José Filgueira Valverde como figura homenaxeada co Día das Letras Galegas 2015.

Marcos Maceira, presidente da entidade, sinalou que non se pode entender esta decisión desde ningún punto de vista. Na Mesa lembraron o pasado franquista de Filgueira Valverde, salientando que non só apoiou este réxime antigalego senón que se involucrou e formou parte activa da súa estrutura, e non desde unha posición menor, senón entrando no “selecto club de cadros afectos ao réxime designados para seren alcaldes dunha capital de provincia como Pontevedra primeiro, e despois como procurador nas mesmas Cortes ditatoriais que censuraban o uso do galego” sinalou Maceira. Un réxime que se caracterizou por represaliar aos defensores da lingua e da cultura galega e aos seus principais cultivadores, asasinándoos ou condeándoos á prisión, ao exilio ou ao silenciamento e exilio interior. Así, se é certo que nos anos vinte Filgueira contribuíu á creación do Seminario de Estudos Galegos, non o é menos que nos trinta contribuíu á súa finiquitación.

Na Mesa sinalan que non cuestionan o credo político do homenaxeado, senón a súa implicación directa cun réxime que non permitiu a existencia de outros credos. Ao longo de todos estes anos homenaxeáronse autoras e autores das máis variadas opinións políticas sen ningún tipo de controversia: progresistas, conservadores, de dereitas, de esquerdas, nacionalistas, non nacionalistas, católicos, ateos, etc. Pero todos se caracterizaran por seren autoras e autores cunha obra de calidade e un compromiso e achegas claros en defensa da nosa lingua e da nosa cultura. Non é o caso de Filgueira que colaborou parte importante da súa vida na súa represión, e polo tanto non pode ser un referente ético para ninguén que ame a nosa cultura: “A RAG non pode pretender que a sociedade civil galega, as asociación culturais, centros de ensino, etc. homenaxeen a figura dun franquista e reivindiquen o seu exemplo no ano 2015”.  

Marcos Maceira acusou á RAG de desactivar o Día das Letras como unha celebración aberta á sociedade para festexar, reivindicar e popularizar a cultura galega: “actitudes como esta afastan a cultura galega da sociedade e encérrana nun bote de formol para entretemento de catro eruditos”. En palabras de Maceira, así o recoñeceu o propio Alonso Montero cando cun certo ton clasista aludía a que a obra de Filgueira Valverde non era para taxistas.

Finalmente, A Mesa fixo un chamamento a participar na reunión aberta que en réxime de autoconvocatoria terá lugar esta quinta feira, 10 de xullo, ás 18.30 horas na Libraría Couceiro para abordar propostas cívicas de cara ao Día das Letras de 2015.



Ningún comentario:

Publicar un comentario