Fronte ao silencio dos membros do plenario da Academia Galega, a cultura máis viva falou para dicir que a de Filgueira Valverde era “a peor das opcións posíbeis”. Critican que á institución presidida por Alonso Montero teña elixido un autor con pasado franquista mais, tamén, o seu afastamento da cultura máis viva e activa.
“Non oculto a miña decepción pola escolla dun candidato como Filgueira Valverde para festexar as Letras Galegas como a que onte acordou a RAG, nunha polémica decisión na que non resulta difícil ler unha preocupante perda de conexión cos intereses e iniciativas de boa parte da sociedade civil galega máis activa na defensa e promoción da nosa cultura, da nosa lingua e literatura”, escribiu no día seguinte de que se fixera pública a decisión un dos críticos máis recoñecidos do panorama actual, Ramón Nicolás. Desde o seu “Caderno da crítica”, lamentou os condicionantes políticos dunha escolla que pode “agrandar a creba entre a institución a súa presenza e proxección na sociedade galega”. Desde o punto de vista da crítica literaria, valora Ramón Nicolás a relevancia da serie Adral, dos estudos medievalistas ou da antoloxía poética que Filgueira preparou nos tempos da República.
"Sabían que “provocaría o rexeitamento do nacionalismo galego, aínda que sería ben recibida (nun ano electoral) pola Xunta de Galicia”, di BragadoTamén Manuel Bragado no seu blog Brétemas, unha referencia para a información cultural, insiste no afastamento da Academia e, engade un elemento que tamén leva estes días nos debates: a súa división interna. “A elección de Filgueira Valverde como figura homenaxeada o 17 de maio de 2015 expresa a polarización interna da RAG e as dificultades da entidade que preside o profesor Xesús Alonso Montero para conectar con sentir común do galeguismo nacionalista”, sinala Bragado que non dubida de que os votos a Filgueira eran conscientes de que “provocaría o rexeitamento do nacionalismo galego, aínda que sería ben recibida (nun ano electoral) pola Xunta de Galicia”. Chama a atención tamén o editor e presidente de Culturgal de que o “feito de que fose o secretario xeral de Política Lingüística quen anunciase a elección en Twitter, minutos antes ca propia RAG, semella non ser azaroso”. Foi a de onte, pois, unha elección polémica, na que os académicos que apostaron en Filgueira Valverde asumiron os riscos dunha decisión con inevitable transcendencia política.
“A Academia Galega é definitivamente algo sen remedio. Dá igual que a presida un galeguista, un nacionalista, un comunista ou o gaiteiro de Soutelo de Montes", defe¡nde Perfecto Conde.O xornalista Perfecto Conde tira no seu blogue Croques da ironía para lamentar a fenda que a Academia non dá pechado coa cultura do país. “A Academia Galega é definitivamente algo sen remedio. Dá igual que a presida un galeguista, un nacionalista, un comunista ou o gaiteiro de Soutelo de Montes, coa salvidade de que se cadra ao gaiteiro de Soutelo aínda lle daba por repinicar unha muiñeira ben repinicada. Nin García Sabell, nin Paco del Riego, nin Barreiro, nin Ferrín nin agora Alonso Montero foron quen de resucitar como era preciso unha institución que leva décadas empeñada en navegar fóra da realidade e dos tempos que lle tocou vivir”, sinala preguntándose tamén pola responsabilidade de Alonso Montero na decisión. Sorpréndelle, iso si, que “nas primeiras declaracións para xustificar a escolla deste ano o intelectual marxista e o cidadán comunista que con todo mérito representa o presidente da Academia Galega insista tanto na separación dos valores cívicos e políticos dos culturais e literarios”.
“É innegable que calquera das outras candidaturas que onte foron defendidas na RAG, fose a de Carballo Calero, Xela Arias ou Manuel María, contaban cunha obra literaria máis atractiva e diversa, ademais dun carácter máis integrador e actual, como mesmo de contar con máis apoio popular ca do catedrático pontevedrés”, opina Bragado, coincidindo neste caso coa escritora Marta Dacosta que cuestiona neste artigo publicado na sección de Opinión de Sermos Galiza, a altura da súa obra literaria e de investigación en comparanza, en especial, cos mesmos tres candidatos que sinala Manuel Bragado. Na mesma liña se manifestou o escritor Xavier Alcalá que, mais acedo nos seus comentarios na rede, apuntou que “o da Irreal Academia do Impaís é patético: fronte á potencia poética de Manuel María ou a coherencia filolóxica de Carballo..., Filgueira!!”. O ensaísta Carlos Callón foi dos primeiros en mostrar o seu incomodo pola decisión e, nas súas últimas aparicións na rede apuntou que “visto o escasísimo valor da obra literaria de Filgueira, agora dinnos que merece as Letras porque contribuíu a fundar o Seminario de Estudos Galegos. Ben... Tamén haberá que recordar que contribuíu a destruílo, verdade?”
“O da Irreal Academia do Impaís é patético: fronte á potencia poética de Manuel María ou a coherencia filolóxica de Carballo..., Filgueira!!”,Xavier AlcaláTamén do mundo da literatura, o escritor Antonio Reigosa, membro da dirección da AELG, botou unha pregunta ao ar: “Filgueira Valverde? Tanto remar para afogar na praia!”. Da man do crítico de cine Martin Pawley naceron unha morea de proxectos dinamizadores do panorama cultural galego, un dos máis novos, o Proxecto Nimbos que puxo a boa parte da nova creación galega a traballar cunha linguaxe audiovisual sobre os versos de Díaz Castro. “#ProxectoNIMBOS seguirá en marcha o resto do ano. Para un #ProxectoFILGUEIRA comigo non contedes”, anunciou.
A profesora da Universidade de Barcelona, investigadora e crítica Helena González puxo o foco no carácter “mortecino”, tan pouco acaído para unha institución que tiña que pular por dinamizar a cultura e a lingua, nunha das peores situacións da súa historia. “”Tempo e gozo' de Filgueira é un gran libro pero estes tempos pedían unhas Letras menos museísticas, menos conservadoras”, apuntou. Cara á ese futuro tamén se dirixiu o poeta e narrador Fran Alonso nunha afirmación na que non tatexou: “A peor elección posible. Un país que non sabe ollar cara o futuro!”
"Estes tempos pedían unhas Letras menos museísticas, menos conservadoras”, Helena GonzálezA rede encheuse de opinións, mais a balanza escorou, sen lugar a dúbidas, cara ao rexeitamento da opción de Filgueira Valverde. De todas maneiras, os silencios mídense con máis intensidade na fin de semana na que se coñeceu a noticia. Polo de agora, de maneira especial académicos e académicas eludiron posicionarse sobre a decisión e tímidas voces saíron a avalar a figura de Filgueira Valverde para a conmemoración máis relevante da nosa cultura e a nosa lingua. Entre elas, agromou a de Afonso Vázquez-Monxardín, do Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega” para quen “as Letras Galegas 2015 para don Xosé Fernando Filgueira Valverde son unha moi boa noticia. Como dicía don Xesús Alonso Montero, el e Otero, son os dous grandes polígrafos das letras galegas do século XX. Un sabio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario