A inauguración será este xoves 3 ás 12.00 horas en Filosofía.
Dende o verán de 1988 celébranse de maneira interrompida na USC os cursos de lingua e cultura
galegas para persoas de fóra de Galicia. Ao longo das súas vinte e seis edicións pasaron por estas
aulas máis de 2.500 persoas de moi diversos países de todo o mundo que se achegaron directamente á
lingua e á realidade sociocultural deste país para logo serviren de embaixadores culturais de
Galicia nos seus lugares de orixe.
Nesta ocasión están matriculados 65 estudantes de 22 nacionalidades, que dende este xoves 3 e
ata o 24 de xullo asistirán a conferencias sobre antropoloxía cultural, literatura, historia, arte
e outros eidos socioculturais, xunto con proxeccións de películas e documentais en galego así como
visitas a lugares de especial interese cultural da cidade e fóra dela.
O acto inaugural de benvida terá lugar este xoves 3 ás 12.00 horas no Salón de Actos de
Filosofía (Praza de Mazarelos). Presidido polo reitor Juan Viaño, participan ademais o secretario
xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Xersús Alonso
Montero; o director do Instituto da Lingua Galega da USC, Ernesto González; e o director dos
cursos, Xosé Luís Regueira.
Entre o seu profesorado e persoal colaborador os cursos contan con relevantes figuras da
lingüística, dos estudos literarios, da cultura, dos medios de comunicación e dos ámbitos máis
dinámicos e creativos da cultura e da sociedade galega. Así, entre outros participarán Belén
Regueira, Xosé Manuel Pereiro, Agustíon Fernández Paz, Francisco Fernández rei, Luís Iglesia,
Xabier Díaz, Quico Cadaval, Xosé Ramón Barreiro ou Henrique Monteagudo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario