xoves, 7 de maio de 2015

"A área de Humanidades é a máis afectada polos recortes en educación"

Decanos e decanas de todas as facultades galegas de Humanidades e Artes reuníronse este mércores en Compostela para ler unha declaración en defensa do ensino público en xeral e desta área en particular, nun acto que se repetiu noutros territorios do Estado. Este manifesto é froito da XXIII Conferencia de Decanatos de Letras, celebrada o pasado 20 e 21 de marzo, onde os responsables dos centros de todo España redactaron a chamada Declaración de Salamanca pola súa “inquedanza polo deterioro das universidades públicas na docencia, a investigación e a xestión e o noso firme compromiso de loitar por defender o papel que o ensino das Humanidades ten na sociedade e no momento actual”.
"O manifesto comeza demandando un compromiso en defensa da universidade pública e expresando a oposición á tendencia de externalización e privatización da xestión"
O manifesto comeza demandando un compromiso en defensa da universidade pública e expresando a oposición á tendencia de externalización e privatización da xestión. Tamén demanda a equiparación dos orzamentos de educación e investigación á media da Unión Europea e un axeitado relevo xeracional entre o profesorado, rexeitando a taxa de reposición, por ser “un instrumento encuberto orientado unicamente á redución do gasto que conducirá inevitablemente a medio e longo prazo á desaparición de centros e de titulacións ante a falta de docentes”. O texto reclama tamén unha dedicación similar de todo o Persoal Docente e Investigador a tempo completo nas universidades públicas, considerando que a actual valoración da investigación a través dos chamados sexenios ou tramos de investigación é “un fenómeno anómalo practicamente en toda Europa” que ten contribuído a converter a investigación nunha tarefa predominantemente formal, onde os indicios de calidade e impacto teñen substituído á libre investigación e á orixinalidade.
Os decanos e decanas de Humanidades coinciden en demandar a suspensión do Real Decreto 43/2015 e, de non ser así, non levalo a efecto por parte das universidades no relativo á posible estruturación do ensino universitario en graos de tres anos e mestrados de dous. Tamén reclaman a equiparación das taxas universitarias de grao e mestrado entre si e entre as diferentes comunidades autónomas e a dotación do número necesario de bolsas coa contía xusta para evitar a quebra do dereito constitucional á igualdade de oportunidades.

Sete facultades representadas

No acto participaron representantes das facultades de Filoloxía, Filosofía e Xeografía e Historia da USC; das facultades de Historia, Belas Artes e Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo; e da facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. Tamén estaban presentes os vicerreitores de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto Javier López, e de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías da UDC, Julio Abalde Alonso.
"A área de Humanidades é a máis afectada polos recortes en educación e por determinado tipo de valoracións que se fan e por iso foi unánime a decisión de facer esta Declaración"
"Boa parte dos que estivemos hoxe neste acto en Santiago estivemos na reunión de Salamanca e quixemos facer unha lectura conxunta do documento. A área de Humanidades é a máis afectada polos recortes en educación e por determinado tipo de valoracións que se fan e por iso foi unánime a decisión de facer esta Declaración. A implantación do 3+2 de grao e mestrado en Letras, por pór un exemplo, causaríanos agora mesmo un prexuízo moi serio. Non dicimos que non se faga nunca, pero agora non é o momento", destacou Rosa Pérez, decana da Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario